Escoitar

O Pleno esixe á Xunta un plan urxente para acurtar as listas de espera na Atención Primaria e Hospitalaria

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo acordou hoxe, cos votos a favor dos edís do PSOE e do BNG e o rexeitamento do PP, urxir ao goberno da Xunta a poñer en marcha un plan con medidas urxentes tanto en persoal como en recursos materiais para acurtar as listas de espera na atención primaria e na hospitalaria.

luns, 27 xan 2025

A Corporación Municipal de Vigo urxe á administración galega a incrementar o persoal médico e de enfermería nos centros de atención primaria, así como a executar con urxencia un plan que recorte todas as as listas de espera, ademais de realizar os investimentos inicialmente previstos para dotar ao Hospital Álvaro Cunqueiro das camas e quirófanos suficientes, e a cumprir co plan funcional programado para que este centro cumpra co número de intervencións previstas.

A terceira tenente de Alcaldía, Elena Espinosa, tras lembrar a última e multitudinaria manifestación celebrada o pasado día 16 de xaneiro en Vigo para reclamar máis medios humanos e materiais tanto na atención primaria como na hospitalaria, denunciou que os sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda non tomaron medidas “para emendar a deficiente situación sanitaria”.

Espinosa afirmou que a situación do sur de Galicia está marcada por contar coa menor taxa de enfermeiras de toda España, con 3,93 por cada 1.000 habitantes, fronte ás 8,5 da Unión Europea. Explicou que a área sanitaria de Vigo tamén conta cos porcentaxes máis altos da media de Galicia en peche de camas no verán, e nos atrasos das citas de atención primaria e “inmensas” listas de espera hospitalrias. ”Hoxe temos máis de 39.000 persoas en espera para unha consulta: 7.000 máis que a finais de 2023, e 9.600 persoas pendentes dunha cirurxía, que son máis de 2.000 que o ano anterior. É dicir, imos cara atrás no canto de gañar en calidade asistencial”, afirmou.

“Médicamente estamos na cronificación dunha enfermidade se vemos a situación da sanidade”, afirmou Espinosa ao sinalar a responsabilidade Feijóo e de Rueda “por non poñer unha solución a tempo”.

Medidas sociais

O pleno do Concello acordou este luns, cos votos a favor do grupo municipal socialista, a abstención dos edís do BNG e a oposición do PP, esixir “explicacións e responsabilidades” a Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, e aos populares de Vigo, por rexeitar as medidas sociais sobre pensións, transporte público e protección das persoas máis vulnerables que están incluídas no decreto do Gobierno central que rexeitaron no Congreso.

O voceiro socialista Carlos López Font reprochou aos populares o seu voto en contra para revalorizar nun 2,8 por cento as pensións de 12 millóns de persoas, ou a bonificación do transporte público, que no caso de Vigo ten un custo diario de 9.000 euros. “En Vigo é o maior atropelo para as viguesas e os vigueses, porque a perda de ingresos afecta a toda a cidade tanto nos seus ingresos como no que teñen que pagar”, afirmou.

Descargar todas as imaxes