A Corporación urxe a implantación de medios para atender a saúde mental nos centros educativos
A Corporación validou esta mañá unha moción socialista que urxe dotar aos centros de ensino de ferramentas para atender a saúde mental da comunidade educativa. Outro dos asuntos aprobados nesta sesión plenaria foi a reclamación dun cronograma que permita a integración de Cedro no Servizo Galego de Saúde antes de finais de ano.
A edil de Educación, Olga Alonso, defendeu unha moción instando á Xunta a adoptar iniciativas vencelladas coa atención da saúde mental infantil e adolescente nos centros de ensino. Todas as instalacións educativas deberían contar con profesionais que orienten e asesoren a toda a comunidade educativa, sería preciso reforzar a figura do coordinador de Benestar e Convivenza con dedicación exclusiva. O texto, aprobado cos votos do PSOE e do BNG, recolle tamén a necesidade de organizar xornadas de sensibilización así como programas preventivos para a adquisición de habilidades sociais. O Partido Popular votou en contra.
Cedro
Na mesma sesión plenaria, aprobouse tamén instar á Xunta a avanzar na integración de Cedro na rede galega de trastornos aditivos no Servizo Galego de Saúde dando cumprimento ao un acordo do Parlamento de Galicia. A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, presentou unha moción que censura os constantes compromisos incumpridos do Goberno autonómico, obrigando ao Concello a asumir unha competencia impropia e, o que é máis grave, vulnerando os dereitos dos doentes. Con ese fin, é preciso aprobar un cronograma que permita a integración antes do 31 de decembro. Mentres tanto, compre que a Xunta asuma a contratación do persoal que cause baixa por xubilación e á cobertura de vacantes. O texto contou co voto a favor do PSOE e do BNG e o voto en contra do PP.