Escoitar

Lola Galovart, nova Valedora da Cidadanía de Vigo

O Pleno Municipal aprobou este luns, cos votos en contra dos grupos da oposición, a designación de Lola Galovart como Valedora da Cidadanía, logo da renuncia de Luís Espada Recarey que asumía o cargo ata este momento.

luns, 27 xan 2025
Votación do nomeamento da Valedora da Cidadanía no Pleno deste luns
Votación do nomeamento da Valedora da Cidadanía no Pleno deste luns

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago, Lola Galovart foi maxistrada en Gran Canaria, Vigo, Ferrol, Ponteareas e Torrelavega; deputada no Congreso na XII lexislatura; vice valedora do Pobo en Galicia; asesora do Defensor do pobo; técnica de xestión da Seguridade Social e avogada en Vigo.

Amais da súa traxectoria profesional, Lola Galovart ten desenvolvido un intenso labor social coa fundación das ONGs “Hoy por ti”, “Alas5”, “Pozos de Agua Mayo Rey” de Camerún, como colaboradora en diferentes proxectos de cooperación internacional e na defensa dos dereitos da muller.

O voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, trasladou o “orgullo e satisfacción pola aceptación” do cargo por parte de Lola Galovart e criticou o “sectarismo político” de PP E BNG “cuestionando de forma directa a proposta”, dado que corresponde ao goberno municipal realizala de forma lexitima: “a demostración do máis puro sectarismo”.

O voceiro do grupo nacionalista censurou “a falta de consenso de tódalas forzas políticas” para esta designación xustificando o seu voto negativo á proposta de Lola Galovart pola súa “proximidade ao partido socialista e pola simpatía ao alcalde e ao seu goberno”.

Miguel Martín explicou a “negativa lóxica e obrigada” do PP á proposta polo intento do goberno municipal de “saltar os principios ao nomear a unha persoa sobre a que recae a sombra da dúbida e a sospeita pese ao seu currículo profesional”.

Carmela Silva, dende a presidencia do Pleno, felicitou a Lola Galovart poñendo en valor a súa “traxectoria profesional, política e persoal onde o sectarismo non ten lugar” e trasladou a súa ledicia porque unha muller ostente este cargo: “vai defender a cidadanía viguesa sin ningunha dúbida”.

 

 

Descargar todas as imaxes