Escoitar

O Concello rebaixou a 5 días o pago a provedores no mes de decembro de 2024

O goberno de Vigo pechou o cuarto trimestre de 2024 coa execución de 200 millóns de euros en servizos e investimentos e co pago en 5 días aos provedores no mes de decembro.

luns, 27 xan 2025

O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, adiantou este luns á Corporación Municipal que o Concello pechou o último trimestre de 2024 “cun alto volume de execución de contratos e de investimentos na cidade” dos capítulos II e VI dos orzamentos municipais, e que os 200 millóns de euros de gasto executados sitúan a Vigo na liña de cidades como Barcelona, Madrid, Málaga ou Sevilla.

O edil detallou que a media de pago a provedores rexistrada ao longo do ano pasado foi de 9 días, e que en decembro se rebaixou ata os 5 días. “É un tempo extraordinariamente rápido, sempre cos provedores que cumpren cos contratos asinados”, recalcou o edil ao remarcar que os datos poñen en evidencia a “fiabilidade, solvencia, e seguridade xurídica” do Concello.

Aneiros indicou que durante o cuarto trimestre de 2024 realizáronse 2.402 pagos por valor de máis de 63,7 millóns de euros, e que só en decembro desémbolsaronse 37 millóns en 5 días.

O edil incidiu en que o pago aos provedores coloca ao Concello de Vigo, por volume e prazos, “á cabeza das cidades de toda España, por diante de urbes con máis recursos e persoal como Madrid ou Barcelona”, e doutras cidades de Galicia xa que en Ourense os pagos realízanse en 143 días; en Santiago en 59; en A Coruña en 33; en Ferrol en 41 e en Pontevedra en 20 días. “Os tempos do resto das cidades de Galicia exceden con moito o que é capaz de facer o Concello de Vigo para xerar economía e non xerar tensións de tesourería ás empresas que cumpren os contratos”, afirmou o edil.

O responsable de Orzamentos e Facenda recalcou que ningún executivo municipal como o presidido por Abel Caballero “fixo tanto por barrios e parroquias”.

Descargar todas as imaxes