Escoitar

Santi Domínguez anuncia a creación do Vigo Film Office para promocionar a cidade como localización de rodaxes

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este luns a creación do Vigo Film Office como unha figura do Vigo Convention Bureau "para promocionar a cidade como destino de todo tipo de producións", entre os que destacou películas, series televisivas, presentación de produtos ou anuncios publicitarios. Salientou tamén que a recente incorporación de Vigo ao Spain Convention Bureau "abre unha nova etapa" no obxectivo de apostar polo turismo de negocios.

luns, 21 xuñ 2010
1277123756FilmOffice.JPG
"Temos que seguir traballando e creando novos produtos", afirmou Santi Domínguez na presentación da iniciativa. Comentou que unha figura similar ao Vigo Film Office xa existe noutras cidades como Barcelona, Málaga ou Santiago. Para o nacionalista, o feito de que unha cidade saia nunha película de éxito "é unha promoción impagable e menos custosa que se hai que facer unha campaña publicitaria".

O tenente de alcalde explicou que o Vigo Film Office entrará en contacto con produtoras e canles de televisión para ofrecer os seus servizos e facilitar os trámites pertinentes para vir a rodar a Vigo, como a tramitación de permisos e atopar localizacións. "O Vigo Film Office ofrecerá todo tipo de colaboración para fomentar rodaxes en Vigo e a súa ría", puntualizou.

Santi Domínguez asegurou que o custe desta oficina "será cero", xa que a tramitación, axuda e colaboración será asumida polo persoal do Vigo Convention Bureau. Segundo sinalou, "o custe será cero para o Concello e nos permitirá estar nun bo posicionamento para optar a ser destino de localizacións".

Na referencia que o nacionalista fixo á entrada formal de Vigo no Spain Convention Bureau, na asemblea que esta entidade celebrou o pasado venres en Zaragoza, destacou que a acollida foi "moi entrañable". "A pregunta máis repetida foi como esperou tanto tempo para formar parte deste organismo", engadiu ao respecto.
Descargar todas as imaxes