Escoitar

María Méndez anuncia que Benestar Social conta cun novo servizo de tradución en 50 idiomas para inmigrantes

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores que o seu departamento conta cun novo servizo de tradución e interpretación destinado ás persoas inmigrantes, que xa comezou a funcionar a semana pasada na propia Oficina Municipal de Inmigración e nas unidades de traballo social (UBAS). A edil salientou que ao longo do 2009 esta oficina atendeu un total de 1.044 persoas, especialmente para tramitar os permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade e reagrupamento familiar. A poboación estranxeira censada en Vigo é de 17.370 persoas, un 5,8% da poboación total. <br />

mércores, 10 mar 2010
1268229441servizotraducion.jpg
María Méndez explicou que este novo servizo de tradución e interpretación ten por obxectivo que os inmigrantes "non teñan obstáculos" e que podan ser atendidos por unha traballadora social sen ter que acudir a outra persoa que faga de tradutora. O dispositivo consiste nun pack de teléfono móbil con mans libres e auriculares co que chamando a un número de teléfono facilita a tradución en 50 idiomas, dende as linguas comunitarias á outras da África subsahariana, como o wolof, ou as linguas orientais como o chinés, o coreano, o xaponés ou o tailandés.

Co obxectivo de mostrar o funcionamento deste servizo, que era un dos obxectivos marcados para este ano, a concelleira de Benestar Social fixo unha proba coa axuda dun profesor de wolof na cidade. Ao respecto explicou que este idioma se fala maioritariamente en Senegal e Gambia e que esta está a ser unha das traducións máis demandadas, xunto ao romanés e o polonés.

No balance das iniciativas desenvolvidas no 2009 María Méndez salientou tamén que ao longo do ano pasado se puxo en marcha o I Plan de Emigración e de convivencia intercultural, de forma que Vigo é a primeira cidade galega que conta cun Plan destinado aos emigrantes. Asemade, destacou que no 2009 tivo lugar o II Foro da Inmigración, "no que se expuxo a problemática do mundo da inmigración", así como o impulso do servizo de mediación intercultural, dirixido especialmente aos menores e desenvolvido a través dun convenio co Plan Comunitario de Teis. "En Benetar Social estamos moi satisfeitos porque pensamos que o 2009 foi un ano moi importante para as persoas inmigrantes de Vigo, xa que acadamos boa parte dos obxectivos marcados", manifestou a concelleira nacionalista na súa intervención.

Respecto ao balance do funcionamento do Servizo de Información ás Migracións de Vigo, a concelleira de Benestar Social explicou que o seu obxectivo consiste en facilitar a integración social das persoas inmigrantes e emigrantes retornados. Indicou que este servizo proporciona información e asesoramento sobre a tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, reagrupamento familiar, así como as posíbeis prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que tivesen dereito. Tamén facilita información sobre os programas formativos e de orientación e inserción laboral co obxectivo de promover a incorporación dos inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria.

María Méndez sinalou que ao longo do 2009 o Servizo de Información ás Migracións atendeu 1.044 persoas, das que 542 corresponderon a mulleres e 502 a homes, mentres que no 2008 atendéranse 833 persoas, das que 424 eran mulleres e 409 homes. En canto aos países de procedencia da maioría dos inmigrantes, sinalou que Brasil, Bolivia, Senegal, Colombia, Uruguai, Perú e Arxentina son os principais.

A este respecto destacou que se o ano pasado notouse un incremento considerable das persoas procedentes de países comunitarios, que no 2009 sumaron 7.375 persoas, mentres que descenden os extracomunitarios, que o ano pasado foron un total de 9.985 persoas.

No tocante ás demandas realizadas polos inmigrantes, a concelleira explicou que o 42% da poboación atendida solicitou información sobre arraigamento e o 40% demandou informe da vivenda para o reagrupamento. Ademais indicou que no 2009 se traballou con 853 expedientes, dos que 267 corresponderon a informe de arraigo social, 132 a reagrupamento familiar, 53 ao regulamento de menores, 55 a informe social, 2 a retorno voluntario, 1 informe técnico e 1 regularización excepcional por razóns humanitarias.

A edil do BNG tamén fixo referenza ao orzamento que Benestar Social destina ás prestacións para os inmigrantes, e sinalou que ascende a 400.000 euros. Explicou que 202.000 euros corresponden ao persoal, dos que 81.000 euros foron financiados pola Xunta a través da achega da Secretaría Xeral de Inmigración. Así, lembrou a intención da Xunta de reducir ata os 60.000 euros a súa achega para este ano, polo que María Méndez sinalou que será preciso reducir o persoal da Oficina Municipal de Inmigración, ata agora formado por dúas traballadoras sociais, unha auxiliar, un avogado e unha coordinadora.

"Pensamos que non é lóxico que conceda a mesma cantidade ás sete grandes cidades galegas, xa que non existen as mesmas necesidades de Ferrol, que ten 4.000 inmigrantes, que as de Vigo, con case 18.000", manifestou a concelleira de Benestar Social ao respecto.
Descargar todas as imaxes