Escoitar

Santi Domínguez presenta unha liña de promoción turística dirixida a familias para que coñezan Vigo en tres días

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este mércores unha nova liña de promoción turística de Vigo específica para as familias, co obxectivo de que coñezan a cidade en tres días, cunha proposta para os meses de verán e outra para o resto do ano. O concelleiro destacou que esta iniciativa, "orixinal e imaxinativa" segundo a calificou, forma parte do Plan de Competitividade Turística mediante a cal Vigo busca o seu oco "singularizándose".

mércores, 10 mar 2010
1268229114vigoenfamilia.jpg
O nacionalista explicou que as familias planifican as súas vacacións en función dos recursos e as ofertas para os cativos que teñen os lugares que elixen e, ao seu xuízo, Vigo é unha cidade que conta con estes recursos. Con esta iniciativa "Vigo se presta para que a vendamos como unha cidade na que a familia pode gozar duns días", asegurou.

Santi Domínguez destacou tamén que con esta proposta a nosa cidade quere "ir máis alá", xa que indicou que "Vigo en familia" chegará tamén aos centros escolares galegos, do Estado e o norte de Portugal, co obxectivo de que os rapaces "se entusiasmen e coñezan as posibilidades da cidade". Búscase así que os colexios valoren a oferta de Vigo tanto para facer viaxes de estudo como para excursións de fins de curso.

O tenente de alcalde explicou que o deseño de actividades programadas para pasar tres días en Vigo foi elaborada a partir dos diferentes estudos que apuntan que as familias destinan entre 3 e 5 días para facer viaxes curtas. "Vigo en familia" inclúe propostas para facer a pé, en transporte público e en vehículo propio. A modo de exemplo, sinalou que a unha familia que decida coñecer a cidade a pé recoméndaselle que o primeiro día pola mañá faga un percorrido dende o castelo de San Sebastián ao Berbés, mentres que pola tarde se lle indica unha visita aos museos ou un paseo marítimo. Para o segundo día o programa propón un percorrido polas orixes da cidade, como O Castro e Salinae e pola tarde se lle suxire unha ruta centrada na arquitectura. Finalmente, o terceiro día pola mañá a proposta consiste en realizar unha visita á lonxa do Berbés e pola tarde a vila de Bouzas. "Trátase dunha liña moi novidosa que pensamos que pode resultar atractiva para as familias", comentou o tenente de alcalde.

Santi Domínguez indicou tamén que a proposta se completa cunha unidade didáctica dirixida aos centros escolares. O tenente de alcalde dixo que "así a liña de turismo non se esgota nas familias, senón que tamén inclúe as excursións de tres días que poden programar os colexios". Respecto ao orzamento do proxecto explicou que a primeira parte ronda os 18.000 euros, pero aclarou que poderá incrementarse se é preciso reeditar o material.
1268229114vigoenfamilia.jpg
1268229130familia.jpg
Descargar todas as imaxes