Escoitar

Antes de fin de ano estarán en circulación 1.200.000 euros das axudas da Tenencia de Alcaldía a familias e comercio

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou este mércores que antes de fin de ano se poñerán en circulación 1.200.000 euros correspondentes ás axudas convocadas pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio destinadas ás familias con menos recursos e aos establecementos comerciais da cidade. Nunha primeira valoración tras o remate do prazo das dúas convocatorias, o nacionalista anunciou que os cartos das axudas que queden sen distribuír ás familias serán doados aos distintos comedores sociais de Vigo, coa condición de que realicen as súas compras no pequeno e mediano comercio da cidade.

mércores, 9 dec 2009
1260364577rolda9.jpg
"Con esta iniciativa cumprimos un triple obxectivo: axudamos ás familias máis desfavorecidas, apoiamos ás entidades sociais e potenciamos o comercio vigués", salientou Santi Domínguez. Respecto ás axudas ás familias, o tenente de alcalde indicou que foron presentadas un total de 729 solicitudes, das que se desestimaron 124 por non cumprir os requisitos esixidos, algunhas delas por sobrepasar o nivel de ingresos. Deste xeito, serán 605 as familias que se beneficiarán das axudas de 600 euros e delas 241 xa recibiron a subvención para facer as súas compras nos comercios de Vigo. As solicitudes restantes están en periodo de subsanación de erros, tras a achega da documentación que faltaba.

O tenente de alcalde indicou que xa se recibiron máis de 400 solicitudes de información para a segunda quenda das axudas a familias, que se abrirá en xaneiro, e suporá unha nova inxección de 600.000 euros para os nucleos familiares menos favorecidos. "Os servizos sociais aseguran que esa segunda quenda superará as espectativas, xa que nese momento a cidadanía xa dispón de toda a información", sinalou.

No tocante ás subvencións para o pequeno e mediano comercio, o tenente de alcalde explicou que foron presentadas 1.086 solicitudes. "Esta cifra da idea do necesarias que eran estas axudas", comentou. Asegurou que os criterios de valoración son o mantemento do emprego e o tipo de contrato de cada traballador, a incidencia das obras na disminución das ventas e a existencia de plans de formación para os traballadores e traballadoras.

"En total son 1.200.000 euros os que se poñerán en circulación antes de fin de ano, e outros 1.200.000 euros sairán cando os orzamentos estean aprobados para potenciar o comercio na cidade", afirmou Santi Domínguez.
Descargar todas as imaxes