Escoitar

O tenente de alcalde negocia ampliar liñas e frecuencias nacionais, consolidar Londres e abrir unha nova a Munich

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, definiu este venres as liñas de traballo que vai desenvolver nos vindeiros meses co obxectivo de mellorar a posición do aeroporto de Peinador e incrementar o seu número de pasaxeiros. Aumentar as frecuencias con Barcelona e o sur peninsular, manter os vóos con Madrid, Bilbao e Valencia e potenciar as conexións coas illas son algunhas das medidas polas que apostará nas negociacións coas compañías aéreas respecto aos vóos nacionais, mentres que no tocante as coñexións internacionais destacou o reto de incrementar a frecuencia con París, manter a liña con Londres e implantar un novo vóo a Munich, ademáis do de Bruxelas.

venres, 4 dec 2009
1259936438roldapeinador.jpg
Santi Domínguez fixo unha análise da situación do aeroporto vigués. Ao seu xuízo, a causa da caída de pasaxeiros hai que buscala por unha banda na conxuntura económica actual, que provoca que as compañías aéreas sexan "pouco proclives" a iniciar novas rutas mentres non acaden a estabilidade nos vóos xa existentes. Neste sentido apuntou que Peinador "ten o luxo" de ter xa consolidada a liña de Air France a París, mentres que outras foron implantadas máis tarde que nos outros aeroportos galegos, como é o caso da conexión con Londres, sen esquecer a forte competencia que se establece co aeroporto internacional Sá Carneiro.

Para atallar esta situación, o tenente de alcalde sinalou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo impulsarán as negociaciós directas con todas as compañías que operan en Peinador, así como con outras que é factible que o fagan, "recuperando a interlocución directa con cada unha delas". Este traballo desenvolverase conxuntamente coa Fundación Vigo Convention Bureau e empregando o Plan de Competitividade Turística, de xeito que se siga unha "folla de ruta" entre 2009 e 2011 "para mellorar a competencia de Vigo en materia turística", indicou.

Os datos contrastados con Aena reflicten que o 80% de pasaxeiros do aeroporto de Peinador proceden de vóos nacionais. Neste sentido o tenente de alcalde salientou que é fundamental, en primeiro lugar, desenvolver medidas neste ámbito, como manter os vóos con Madrid e incrementar a frecuencia con Barcelona. Sinalou que con só aumentando unha frecuencia coa cidade catalá, "estariamos nun potencial de crecemento de entre 50.000 e 60.000 pasaxeiros ao ano".

En segundo lugar, Santi Domínguez afirmou que é fundamental manter as liñas con Bilbao e Valencia, polo que establecerá negociacións con Air Nostrum. Segundo o tenente de alcalde, a liña a Bilbao resulta sumamente interesante, posto que se trata dunha liña tanto de turismo como de negocios, polo que as conversas se dirixirán a incrementar "unha ou dúas frecuencias", que poderían supoñen un incremento de 20.000 pasaxeiros.

Respecto á ruta ao sur, o nacionalista destacou que a conexión con Sevilla, que comezará a operar en marzo, foi acadada grazas a "poñela enriba da mesa da Consellería de Turismo". Afirmou que significa un "importante aumento de pasaxeiros", como o que pode supoñer potenciar as coñexións coas illas. Ao respecto, anunciou o reinicio das conversas con Air Europa e Spanair, aínda que especificou que "non se trata de manter unha frecuencia estable, senón de establecer enlaces na temporada alta".

"De aquí a 2011 temos que traballar para manter o que temos e incrementar algunha frecuencia no noso aeroporto e deste xeito poderemos aumentar arredor de 80.000 pasaxeiros ao ano", indicou.

No tocante á potenciación dos vóos internacionais, Santi Domínguez afirmou que a conexión de Air France con París é unha "auténtica xoia que non imos deixar de mimar", polo que o traballo irá encamiñado a incrementar as frecuencias con este destino. Por outra banda asegurou que é fundamental o mantemento da conexión con Londres, xa supón unha capacidade de incrementar entre 40.000 e 50.000 pasaxeiros ao ano. Sinalou que se están cumprindo as previsións iniciais, co aumento neste ano 2009, polo que se traballará para chegar ás catro frecuencias na temporada alta do 2010 e a súa presencia ao longo de todo o ano no 2011.

O traballo, neste caso da conexión con Londres, será desenvolvido unicamente polo Concello de Vigo, posto que a Xunta non atendeu a solicitude formulada ao respecto. Porén o Goberno galego si aceptou a demanda respecto a Bruxelas, de xeito que este vóo comezará a operar en marzo de 2010, cun crecemento de 25.000 pasaxeiros. Segundo o tenente de alcalde, esta liña ten que "ir no camiño de converterse nunha das máis importantes, porque ao atractivo turístico se une o compeñente económico e de negocios".

A estes tres vóos con Europa (París, Londres e Bruxelas) Santi Domínguez quere sumar outra gran vía de comunicación con Munich, que potenciaría o aeroporto vigués "complementando a oferta dos outros aeroportos galegos". Esta nova liña aportaría a Peinador máis de 20.000 pasaxeiros ao ano. "Se no 2011 conseguimos estes obxectivos, realmente no 2011 estariamos en condicións de que Peinador remontase o vóo e recuperase o seu nivel de pasaxeiros", asegurou o tenente de alcalde.
Descargar todas as imaxes