Escoitar

O tenente de alcalde sinala que o dono do edificio da Ferrería desmontará os elementos con risco de desprendemento

Santi Domínguez, asegurou este xoves que o dono do edificio da rúa Ferrería, que onte tivo que ser valado, vai iniciar xa o desmonte das pezas que corren risco de desprendimento. Segundo o tenente de alcalde, tras as primeiras medidas de seguridade adoptadas onte, a situación no inmoble "está controlada", aínda que se manterá valado o contorno o tempo que sexa preciso para garantir a seguridade.

xoves, 5 nov 2009
Santi Domínguez indicou que esta mesma mañá se localizou ao propietario do edificio, que xa tiña varias ordes de execución, e comprometeuse a iniciar de inmediato os traballos necesarios para desmontar os elementos da fachada que os técnicos consideran que hai que retirar. O tenente de alcalde lembrou que se trata dunha propiedade privada, polo que o Concello non pode entrar sen antes cumprir os trámites previstos.

"O importante é que xa se pechou o tramo para evitar perigos", salientou. Asemade, asegurou que dende a Xerencia de Urbanismo, e as concellerías de Cascos Históricos e Patrimonio Histórico "estaremos sempre moi atentos para que non haxa ningún problema deste tipo".

Igualmente fixo un chamamento aos donos dos edificios do Casco Vello que teñen ordes de execución por parte do Concello para que as executen sen dilacións. A este respecto, indicou que "necesitamos a colaboración dos propietarios. Teñen que actuar é efectuar as reparacións ou demolicións que desde o Concello lles demandamos".
O tenente de alcalde inicidíu en que é fundamental que estas actuacións non se eviten "para entre todos conseguir a recuperación do Casco Vello". Santi Domínguez sinalou que desde o seu departamento vaise seguir traballando, con absoluta prioridade, para conseguir a rehabilitación integral do barrio.