Escoitar

María Méndez anuncia que a nova edición de "Outono cultural" incorpora chalas informativas sobre saúde

A concelleira de Benestar Social, a nacionalista María Méndez, salientou este luns que a nova programación do "Outono cultural" incorpora como novidade a celebración de charlas informativas sobre saúde e prevención. Segundo explicou María Méndez, este programa se desenvolverá ao longo dos meses de outubro, novembro e parte de decembro e con el as persoas maiores terán tamén a posibilidade de visitar os museos da cidade e acudir ao teatro.

luns, 5 out 2009
1254746891outonocultural.jpg
María Méndez afirmou que todas as actividades son gratuítas, destinadas a persoas maiores de 65 anos empadroadas en Vigo e se desenvolven nas instalacións das diferentes asociacións veciñais e centros cívicos da cidade. "Con este programa dende Benestar Social queremos potenciar o avellentamento activo das persoas maiores", salientou. Respecto ás charlas informativas sinalou que versarán sobre a "vida saudable e a prevención de distintas enfermidades que preocupan ás persoas maiores". Así, a prevención da cegueira e a prevención de problemas de columna e fracturas óseas centrarán as charlas. "Decidimos introducir esta nova actividade debido á demanda existente", sinalou.

Respecto á visita aos museos, a concelleira de Benestar Social salientou a gran aceptación que tivo esta actividade na pasada edición do programa. Explicou que será posible visitar o Arquivo Pacheco, que se incorpora como novidade este ano e os visitantes poderán colaborar na tarefa de identificación das fotografías antigas, Quiñones de León, Liste, Verbum, Marco, e o museo do Mar. As visitas desenvolveranse os mércores e xoves dos meses de outubro e novembro de 17 a 19 horas, previa inscrición na asociación veciñal correspondente.

As representacións teatrais terán lugar no Centro Cívico de Teis ás 19 horas os días 29 de outubro, e 5, 12 e 19 de novembro. Os dous primeiros días a compañía Lambriaca Producións interpretará "Chicho e a santa Compaña" e os dous seguintes Fulano, Mengano e Citano representará "Viva a crise". "Eliximos obras acaídas para as persoas maiores, divertidas e que lles farán pasar un rato agradable", indicou a concelleira nacionalista.
Descargar todas as imaxes