Escoitar

Santi Domínguez asegura que as obras que se fan no Casco Vello "se reclamaban a berros desde hai anos"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou hoxe que a reforma de rúas que se está a desenvolver no Casco Vello "é unha actuación como nunca se fixera ata o de agora" no barrio. Na visita que realizou hoxe as obras acompañado do concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, explicou que se está a traballar nun total de 16 rúas sobre unha superficie de 8.716 metros cadrados cun investimento de 3,7 millóns de euros.

venres, 15 mai 2009
1242391948vistasobrascv.jpg
O tenente de alcalde salientou que "hai anos se reclamaban a berros que se actuara para mellorar o Casco Vello. Non so que se humanizara, senon que tamén se melloraran os servizos". O nacionalista explicou que iso é precisamente o que se está facer, xa que os traballos nesas 16 rúas non só consisten na renovación do pavimento, senon que tamén se está a mellorar todo o sistema de iluminación, a instalar un sistema de fibra óptica, colocar hidrantes para favorecer o traballo dos Bombeiros, soterrar as canalizacións dos tendidos aéreos e instalar mobiliario urbano, entre outras actuacións.

Santi Domínguez manifestou a súa satisfacción "pola boa marcha das obras" e fixo fincapé no feito de que os traballos de reforma destas rúas, xunto coa transformación que se vai dar no eixo Porta do Sol, Elduayen, Paseo de Alfonso, "van configurar un novo Casco Vello, algo que se viña reclamando desde hai moito tempo".

O tenente de alcalde referiuse tamén ás queixas que nos últimos días están facendo os comerciantes. A este respecto sinalou que "todo o que se está a facer é tamén para mellorar o comercio". O tenente de alcalde dixo que entende perfectamente aos comerciantes. "Sabemos ben das súas necesidades e demandas", dixo, pero pídelles "paciencia" .

O nacionalista lembrou que, como xa anunciou hai uns días tras reunirse con diferentes asociaciacións de comerciantes, en pouco máis dun mes estará pechado un plan específico de actuacións de apoio ao pequeno e mediano comercio da cidade. As liñas de traballo irán dirixidas a promocionar o comercio de Vigo fóra da cidade, incentivar o consumo, poñer en marcha un sistema de axudas directas para os establecementos comerciais, promocionar a cidade de Vigo a través de distintos eventos internacionais e posibilitar que todos os comercios que queiran teñan un espazo na feira Stockaxe. "O tenente de alcalde defendeu a necesidade de que "entre todos traballemos por Vigo" e por iso pediu a súa colaboración.

Santi Domínguez asegurou que a disposición para tratar de resolver os seus problemas é absoluta. Neste senso sinalou que se van a manter reunións periódicas por parte do concelleiro de Patrimonio Histórico, tanto cos comerciantes como cos veciños e veciñas do Casco Vello, para avaliar o desenvolvemento das obras e as actuacións que se están a facer. Está tamén previsto que Eudosio Álvarez faga con eles visitas ás obras para analizar sobre o terreo as cuestións que xurdan.

As rúas nas que se está actuando son Ballestas, Gamboa, Fermín Penzol e Xoaquín Yáñez, que hoxe visitaron o tenente de alcalde e o concelleiro de Patrimonio Histórico, así como Peñasco, San Xulián, San Bernardo, Xuanelo, Poboadores, San Francisco, Santiago, Cruz Verde, Abeleira Menéndez, Ferrería, San Sebastián e Subida ao Castelo.
Descargar todas as imaxes