Escoitar

A Praza da Independencia será o venres o escenario da última representación da Reconquista nos barrios

Unha ducia de actores farán o venres, 27 de marzo, na Praza da Independencia, a partires das 17:00 horas, a última representación dos feitos acaecidos hai douscentos anos, con motivo do bicentenario da Reconquista de Vigo. Organizada pola Tenencia de Alcaldía, a Reconquista nos barrios foi unha iniciativa para achegar a Bouzas, Teis, O Calvario, Camelias e Montero Ríos, distintos avatares da loita dos vigueses e viguesas contra os franceses.

xoves, 26 mar 2009
1238074037plazaindependencia.jpg
A acción na porta da Laxe, pola que van saíndo os franceses, será o eixo da derradeira representación. Chalot entrega a Morillo as chaves da cidade e a capitulación firmada. Tras el, parten os soldados de Napoleón, derrotados, temendo a ira dos vigueses tras dous meses de crimes e abusos na vila. As novas da chegada de reforzos desde Tui preocupan un chisco, pero pronto se sabe que a victoria é total, e que os galos foxen cara á capital provincial. A victoria é total. É a victoria de todos, do pobo vigués.

O amencer do 28 de marzo foi festivo. Pero non houbo apenas tempo para celebracións. Pouco despois de confirmada a rendición, Morillo recibiu noticias de que unha forte columna de soldados chegaba desde Tui en auxilio da guarnición de Chalot. Tratábase da forza de 600 soldados, ao mando do comandante Chapuzet, que fora enviada polo xeneral Lamartinière, quizais logo de recibir unha mensaxe de auxilio desde Vigo, no caso de que prosperase aquela misión por mar da que informaban os axentes vigueses días atrás.

Despois da heróica xesta de Cachamuina e consumada a derrota, a Reconquista estaba feita. Pero non quedaría aquí. Os valentes vigueses acudirían logo a reforzar o cerco de Tui, retomar a capital provincial e, finalmente, terminar vencendo ao mariscal Ney en Ponte Sampaio, para certificar a expulsión permanente de Napoleón de Galicia, apenas seis meses logo de entrar, quizais cargados de razón, si, pero queréndoa impoñer a sangue e lume. Non hai pobo, nin entón, nin agora, que queira ou poida aceptar tal cousa.
Descargar todas as imaxes