Escoitar

A rúa Barcelona será de dobre dirección e Urzáiz péchase en sentido descendente

O alcalde, Abel Caballero, presentou este luns os plans de tráfico alternativos para os seis meses que durarán os traballos de humanización do entorno de POVISA e de Urzáiz, que se inician mañá martes. En sentido descendente, Urzáiz queda pechado, absorbendo o tráfico Pizarro e Brasil; mentres que, nas inmediacións do Policlínico, Barcelona e a Gran Vía terán a mesma función.

luns, 23 mar 2009
1237813221P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe luns os plans de tráfico establecidos polo Concello por mor dos traballos de humanización que comezan mañá martes nas inmediacións de POVISA e en Urzáiz, e que se alongarán durante seis meses.

A rúa Urzáiz, entre a Gran Vía e Gregorio Espino, verá pechada o tráfico en sentido descendente, e o plan de tráfico estipula o desvío dos vehículos pola rúa Pizarro ata a Praza de Isabel a Católica, onde se continuará pola rúa Brasil ata chegar ao final da Gran Vía.

No entorno de POVISA, na súa parte máis próxima á Praza de España, queda pechado ao tráfico -excepto garaxes- as rúas Illas Canarias, Illas Baleares, Valencia, Sevilla, Zamora (entre Tarragona e San Amaro) e Zaragoza (entre a Avenida da Hispanidade e Faustino Álvarez).

O plan de tráfico converte Barcelona nunha rúa con dobre dirección desde Tarragona, para que esta rúa e a Gran Vía sexan as encargadas de absorber o groso do tráfico rodado nos seis meses que duren os traballos de humanización.

O alcalde mostrou a súa "satisfacción" polo inicio dunha "humanización masiva e xeralizada" en todo Vigo e adiantou que o Concello manterá conversas cos veciños e comerciantes para buscar a colaboración. Abel Caballero destacou a "magnífica cooperación" mostrada polos afectados ao longo da primeira fase de humanización da zona de POVISA, xa rematada.

A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou os plans de seguridade de todas as rúas que comezan mañá martes, 24 de marzo, a súa humanización, último paso para o inicio efectivo dos traballos.

Abastecemento ao Morrazo
O goberno vigués deu asemade o seu visto bo hoxe luns ao desdobramento da tubaxe que abastece de auga á Península do Morrazo, unha obra de inicio "prácticamente inmediato", segundo indicou o rexedor vigués, que será financiada íntegramente por Augas de Galicia cun investimento de 7,3 millóns de euros.

O obxectivo da infraestrutura é garantir o subministro de auga á outra marxe da ría de Vigo, pois na actualidade unicamente unha tubaxe oferta este servizo. Co desdobramento asegúrase y garántese o abastecemento, salientou o alcalde. O proxecto ten un prazo de execución de 15 meses.
Descargar todas as imaxes