Escoitar

Vigo apraza a presentación da súa candidatura para ser sede da Universiada de Verán

A Plataforma Cidadá por Universiada acordou hoxe que a cidade non opte finalmente a ser candidata á celebración da Universiada de Verán do ano 2015. Vigo manten, sen embargo, a vontade de presentarse noutras oportunidades. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou por outra parte que a cidade foi elixida pola Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU) para albergar o ano que vén a celebración do Forom FISU e o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo.

venres, 13 mar 2009
1236953603reunionuniversiasda.jpg
A decisión de non continuar adiante coa candidatura para a Universiada de 2015 baseouse no feito de que Granada, cidade que inicialmente competía con Vigo pola Universiada de verán, optou finalmente por organizar á de inverno e previsiblemente será a adxudicataria xa que non se presentou ningunha outra candidatura. Esta situación reducía considerablemente as posibilidades de Vigo, xa que segundo explicou o tenente de alcalde, "é moi difícil, practicamente imposible" que a FISU conceda a un mismo estado as dúas universiadas (verán e inverno), circunstancia que só se deu unha vez na historia destes xogos.

Santi Domínguez detallou todos os pasos que se teñen dado estes meses para posicionar a candidatura de Vigo e evaluar as posiblidades reais de resultar elixida. Intensificáronse os contactos internacionais cos membros da FISU , co Consello Superiro de Deportes e tamén no ámbito universitario. O nacionalista sinalou que finalmente á conclusión a que se chegou era a de que o proxecto de Vigo era bo e á FISU interésalle a cidade como posible organizadora dunha Universiada, pero o feito de que Granada tivera practicamente adxudicada a de inverno deixa moi poucas posibilidades de ser elixida. "Ante esta situación pensamos que non podemos levar irresponsablemente á cidade a un proceso que ten un coste sen ter as garantías suficientes e máis nun momento de crise como no que nos atopamos", sinalou o tenente de alcalde.

Sen embargo, os contactos mantidos ao longo destes meses e o feito de que á FISU conte coa cidade, permitiron que Vigo sexa elixida para celebrar do 21 ao 28 de xuño de 2010 o Forum FISU, un encontro internacional que reunirá a máis de 250 participantes de 50 países, e do 29 de xuño ao 5 de xullo o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo, con máis de 400 deportistas de 60 países. "A FISU estanos demostrando que conta con Vigo e iso é moi positivo para o futuro", salientou.

O rector da Universidade de Vigo, Alberto Gago, incidiu tamén no feito de que estes acontecementos permitirán á cidade "facer currículo e manter unhas estreitas relacións coa FISU para intentalo outra vez". Gago sinalou que neste momento a candidatura de Vigo "ve o camiño máis claro. Somos menos amateurs e máis sabios sobre o que hai que facer".

O tenente de alcalde dixo que o feito de aprazar a decisión de presentarse vai permitir tamén avanzar nos novos proxectos de infraestruturas deportivas, como o novo complexo deportivo de Navia, a remodelación das pistas de atletismo ou a Cidade do Deporte.
Descargar todas as imaxes