Escoitar

María Méndez fai un chamamento á solidariedade na inauguración da campaña "De boa man"

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo este martes un chamamento á solidariedade na inauguración da campaña "De boa man", ubicada na rúa do Príncipe. "Un ano máis poñemos en marcha esta campaña para dar acoñecer o traballo das persoas usuarias das oito asociacións que participan na iniciativa como son Alento, Apamp, Aspanaex, Aspavi, Cogami, Doa, Menela e San Rafael", explicou a edil.

martes, 9 dec 2008
1228829669doboaman.jpg
María Méndez destacou que esta é unha boa época para "poñer en práctica a nosa solidariedade, xa que na carpa se poden mercar os agasallos de Nadal" ademais de fomentar a integración das persoas que teñen algún tipo de discapacidade, obxectivo fundamental da concellería de Benestar Social. "De boa man quere facer que a diversidade sexa visible na rúa, ao dar a coñecer e poñer á venda os artigos de artesanía realizados ao longo de todo o ano", subliñou. Segundo a concelleira, existe unha gran variedade de produtos, polo que animou á cidadanía a achegarse ata a rúa do Príncipe, onde está ubicada a mostra.

A concelleira de Benestar Social felicitou á organización da campaña, posto que ao seu xuízo a calidade está presente en todos os artigos de artesanía expostos para a súa venda, "o cal amosa que estas persoas son capaces de desenvolver cal traballo". Así, na carpa poden mercarse obxectos de artesanía elaborados en cerámica ou coiro, xoguetes, cadros ou bisutería,froito do traballo das persoas usuarias de oito centros de discapacidade da cidade, como son Cogami, Doa, Menela, San Rafael, Alento, Apamp, Aspanaex e Aspavi. "Para estas persoas, ter a oportunidade de presentar os seus produtos ao público supón unha nova ilusión para seguir traballando", destacou.
Descargar todas as imaxes