Escoitar

O circuíto municipal "Vigo a Escena" achega o teatro ás parroquias de Matamá e Valadares

A veciñanza de Matamá e Valadares poderá gozar o,6 de decembro, coa programación "Vigo a Escena", un circuíto municipal de teatro organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo. Así, no SCD Atlántida de Matamá, a compañía Máscara Producións levará á escena "Asalto de Cama", mentres que no CCAR de Valadares a compañía Teatro Lope de Vigo interpretará "Ide todos ao inferno".

venres, 5 dec 2008
"Dende a Concellería de Cultura temos o obxectivo de achegar a toda a cidadanía as diversas manifestacións culturais, e neste sentido o teatro ocupa un espazo fundamental", subliñou o edil nacionalista. Mañá 6 de decembro, o circuíto Vigo a Escena ten programadas dúas representacións. Unha delas terá lugar no SCD Atlántida de Matamá, no que Máscara Producións representará a obra "Asalto de Cama" ás 20.00 horas. Nesta obra, os actores Marco Álvarez Solla, María Álvarez Lagarón, Xerome Calero, Verónica Codesido e Pablo Puga, baixo a dirección de Xerome Calero, levarán á escena o amor e os seus diferentes móbiles dende a óptica do humor.

A segunda representación terá lugar tamén mañá nas instalacións do CCAR de Valadares, ás 20 horas, onde a compañía Teatro Lope de Vigo interpretará "Ide todos ao inferno". Dirixida por Julián Rodríguez Novo e interpretada polo propio director e por Marta Lado Insua e Javier Octavio de Toledo, é unha obra na que a ironía está presente na crítica á nosa sociedade.