Escoitar

María Méndez anima a cidadanía a ver a obra "Aladín perdido na Galiza" pola súa reflexión sobre a integración

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, animou á cidadanía a asistir como espectadores á representación da obra "Aladín perdido na Galiza", que se estrea o vindeiro sábado no Teatro de Arte Livre ás17 horas, dada a súa "profunda reflexión sobre a integración". Ademais, a concelleira nacionalista anima a participar na campaña "Un xoguete para un amigo de lonxe", coa que se quere achegar xoguetes a nenos e nenas con menos recursos.

xoves, 4 dec 2008
1228398360Teatro.JPG
"Como concelleira de Benestar Social quero felicitar ao Teatro de Arte Livre por representar unha obra como Aladín perdido na Galiza", salientou María Méndez, quen destacou que da obra a súa "concienciación e reflexión sobre o tema da inmigración". A edil do BNG insistíu na necesidade de levar a cabo accións que fagan "cambiar o noso panorama social fomentando a integración e os valores da igualdade e a solidariedade". Ademais, animou a participar na achega de xoguetes da campaña "Un xoguete para un amigo de lonxe" e felicitou a Roberto Cordovani e ao Teatro de Arte Livre por desenvolver iniciativas como estas e polo seu traballo a prol de "asentar o teatro na cidade".

Roberto Cordovani, pola súa banda, agradeceu a colaboración mantida coas concellerías de Cultura e Benestar Social e o apoio ao traballo que desenvolven dende o Teatro de Arte Livre. "Quixen escribir sobre este personaxe, baseado nos nenos da rúa, porque no fondo todos somos un pouco Aladín cando chegamos por primeira vez a un lugar novo", explicou o actor. Ademais, Cordovani sinalou que a estrea da obra terá lugar o sábado, 6 de decembro, ás 17 horas, aínda que se manterá en cartel ata o vindeiro verán.

"Aladín perdido na Galiza" é un espectáculo de humor con dinámicas coreografías nunha trama na que o mozo oriental está á procura do seu tapete voador, secuestrado, para retornar a Bagdad. As representacións, dirixidas a un público familiar, serán todos os sábados, domingos e vísperas de festivos ás 17 horas
Descargar todas as imaxes