Escoitar

16.000 escolares formaranse en educación viaria

Abel Caballero e Julio Fernández Gayoso rubricaron este venres o acordo polo que a entidade financeira subvenciona con 100.000 euros o programa do Departamento de Educación Vial da Policía Local de Vigo para escolares de Primaria no curso 2008/2009. O alcalde agradeceu a Caixanova a súa "magnífica cooperación nun proxecto francamanete xusto".

venres, 5 dec 2008
1228482068P1010042.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron hoxe venres o convenio polo que 16.000 escolares vigueses de Primaria se formarán no curso 2008/2009 en educación viaria, a través do programa desenvolvido pola Policía Local de Vigo.

Caixanova destina 100.000 euros á execución da iniciativa, que inclúe accións como a revisión ao longo do curso do cumprimento da seguridade no transporte escolar, charlas formativas nas aulas, actividades no parque infantil de tráfico, a celebración Feira da Xuventude no IFEVI e o concurso local de educación viaria; un programa que se completará coa formación de mulleres xestantes, as visitas ao Hospital Xeral en decembro e a formación viaria no parque de tráfico para os alumnos de Educación Especial.

Tal e como informaron o alcalde e o Presidente en rolda de prensa, o número de escolares que se beneficiarán deste proxecto aumenta neste novo curso, pasando dos 14.000 participantes no pasado aos 16.000 que se formarán no 2008/2009.

O alcalde de Vigo agradeceu a colaboración "perenne" e "cóbado con cóbado" da entidade co Concello nos proxectos que "fan cidade", neste caso, unha "magnífica cooperación nun proxecto francamente xusto", salientou Abel Caballero.

O Presidente de Caixanova, pola súa banda, subliñou a "vocación de axuda á xuventude" da entidade en distintas disciplinas como a música e o deporte. A educación, os aspectos que atinxen á seguridade das persoas, é "prioritaria" para Caixanova, segundo indicou Julio Fernández Gayoso.

Alcalde e Presidente coincidiron en valorar a importancia dun programa que "fará mellores cidadáns no futuro" e que "seguro repercutirá no número de accidentes", afirmou Fernández Gayoso, de tal xeito que estes se poidan reducir no futuro.
Descargar todas as imaxes