Escoitar

Xabier Alonso anima a participar na homenaxe ás persoas con discapacidade que acollerá o pavillón de Bouzas

Con motivo da conmemoración o mércores 3, do Día europeo e internacional das persoas con discapacidade, a Concellería de Deportes, o Instituto Municipal dos Deportes e a Fundación Vide organizan mañá no pavillón de Bouzas unha homenaxe ás persoas con discapacidade, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Deportes Xabier Alonso. O edil salienta que esta iniciativa, de entrada gratuíta, se desenvolverá de 19 a 20,15 horas e nela tamén participarán os clubes de baloncesto Gestibérica, Aldasa Amfiv e Celta Indepo.

martes, 2 dec 2008
Xabier Alonso anima á cidadanía a sumarse á homenaxe e subliña que coa celebración deste acto a Concellería de Deportes quere sumarse ás diversas iniciativas que se levan a cabo no Día europeo e Internacional das persoas con discapacidade. Tras a benvida do concelleiro de Deportes a todos e todas as participantes, os primeiros equipos dos tres clubes disputarán un triangular de baloncesto en cadeira de rodas, no que os xogadores e xogadoras formarán tres equipos mesturados.

"Serán tres partidos de oito minutos cada un coa finalidade de celebrar o Día das persoas con discapacidade nun ambiente de achegamento entre deportistas con independencia das súas capacidades, potenciedades e diferencias", salienta o concelleiro. Ademais, o responsable de Deportes do Concello de Vigo sinala que a clínica de Fátima porá fisioterapeutas a disposición dos equipos durante os tres encontros.