Escoitar

O orzamento de urbanismo aumenta nun 41% e incorporará 45 novos técnicos

O orzamento da Xerencia para 2009 ascende a 9,1 millóns de euros, un 41% superior ao ano pasado e un 63% máis que no 2005. Urbanismo consigna 800.000 euros para planeamentos urbanísticos de iniciativa pública e 45 novos técnicos para desenvolver o novo PXOM, que está "avanzando a bo ritmo", salientou o concelleiro, José Mariño.

luns, 1 dec 2008
1228136651marino.jpg
A Xerencia de Urbanismo verá incrementado no 2009 o seu orzamento nun 41% con respecto ao 2008 e nun 63% en comparación co 2005. Así o explicou este luns o concelleiro de Urbanismo, José Mariño, quen detallou que os 9,1 millóns de euros cos que contará o departamento municipal irán destinados prioritariamente ao desenvolvemento do novo Plan Xeral, para o que se incorporarán á Xerencia 45 novos técnicos.

Os orzamentos, segundo o edil, reflicten a importancia concedida a Urbanismo, que non foi dotada en anos anteriores dun orzamento necesario para tramitar os expedientes de infracción acumulados. Para rematar con esta situación, e coa perspectiva dun novo Plan de Ordenación co 43% de vivenda de protección, se contratarán no vindeiro ano 37 novos técnicos aos que se sumarán oito persoas máis que ocuparán a oficina municipal de vivenda, en funcionamento provisional desde fai tres meses e que será inaugurada definitivamente "nas próximas semanas", salientou Mariño.

O novo persoal reforzará o servizo principalmente nas áreas de licenzas, planeamento e infraccións, explicou o concelleiro, para cumprir os prazos. Mariño indicou que os expedientes sen resolver se reduciron desde a chegada do novo goberno aos "7.000 ou 8.000" da actualidade, cando en xullo de 2007 xiraban en torno aos 10.000 documentos. Esa labor continuará, explicou, para que non se incrementen os incidentes urbanísticos e coa finalidade de que a finais do vindeiro ano estean todas as infraccións acumuladas ao día.

José Mariño afirmou asemade que se destinarán 800.000 euros para o planeamento de ámbitos de iniciativa pública, que se engaden aos 200.000 xa licitados este 2008. Ademais, se consignan 320.000 euros para a continuación da reforma do edificio da Xerencia, que xa comezou, co obxectivo de dar cabida ao novo persoal.

"Moi boa acollida"
O edil de Urbanismo mostrouse "optimista co avance" do novo PXOM, que está a ter "moi boa acollida" entre os propietarios do solo cos que os técnicos da Xerencia están a ter un volume "moi numeroso" de reunións de traballo.

José Mariño avanzou que se están a recibir "un número importante de novas solicitudes para vivenda", que van "avanzando a bo ritmo". Pese a actual situación económica, todos os ámbitos están a dar "os primeiros pasos" da tramitación dos mesmos, aínda que a nova normativa urbanística municipal e as Normas autonómicas do Hábitat xeran dúbidas e precisan de facer "pequenas modificacións" ás ordenacións presentadas.

O planeamento dos ámbitos xa está iniciado cos traballos previos, explicou o concelleiro, quen adiantou que no verán de 2009 comezaremos a ver grúas na cidade, un comezo das obras que posiblemente se dará na Praza de España, un dos ámbitos de tramitación máis avanzada, tal e como indicou.
Descargar todas as imaxes