Escoitar

Vide inicia unha nova campaña de Siareiros para dinamizar a fundación diante do tecido empresarial

A Fundación Vigo en Deporte (Vide) presentou hoxe a súa nova campaña de captación de empresas, porque segundo indicou a xerente da Fundación, Laura Magdalena, en "tempos de crise" Vide pretende conseguir diferentes niveis de patrocinio (socio protector ouro, prata ou bronce) en función da súa achega (6.000, 3.000 ó 1.000 euros). "A aposta está enfocada ao tecido empresarial máis potente e non tanto ao pequeno comercio, que sofre a recesión" de forma máis notoria, dixo.<br />

luns, 1 dec 2008
1228138638presevide.jpg
Segundo anunciou Xabier Alonso, concelleiro de Deportes e presidente de Vicd, "o diñeiro público está garantido para o deporte pero ten un límite e non chega porque os clubs teñen máis necesidades", e por iso "dende Vide buscamos novos recursos para todo o deporte, tanto o de base como o de elite, porque ambos están encadeados". Alonso dixo que a súa intención e a da xerente é "relanzar os programas, porque faltaban iniciativas e novas ideas", e amosou a súa "satisfacción" por que foi "unánime" o apoio dos clubs de elite e os de base a esta nova proposta que se realizará ás empresas.

Xunto coa proposta económica, as empresas recibirán varias contrapartidas (beneficios fiscais, valos nos pavillóns polideportivos, insercións publicitarias na web e outros medios…), pero tamén o novo produto estrela: tarxetas para regalar aos seus clientes (3.000, 1.500 ó 500 segundo a achega) e que permitirán a quen a reciba o acceso de balde a cinco partidos desta tempada (un de cada un dos cinco equipos que o afeccionado elixa sobre os once conxuntos da elite viguesa). "As contraprestacións son boísimas", sostivo Laura Magdalena. É dicir, poderán ver partidos a escoller entre clubs masculinos Pilotes Posada (balonmán), Gestibérica (baloncesto), Vigo Stick Mundial 2009 (hóckey patíns), Vigo Viaxes Eroski (hóckey herba), Vigo Valery Karpin (voleibol) ou Universidade de Vigo Ednon (rugby), mixtos como o Aldasa Amfiv (baloncesto en cadeira de roas) ou femininos como o Celta Indepo (baloncesto), Turismo de Vigo (voleibol feminino), Calfoncal Lavadores (balonmán feminino) ou El Olivo Caixanova (fútbol).

Este carné pretende que "o público coñeza Vide, que encha os pavillóns e que, pensando no futuro, enganche e fidelice aos potenciais afeccionados", dixo a xerente. Os clubs selarán o cartón e, se o afeccionado cumpre coa súa asistencia a cinco partidos da elite, poderá acudir a Vide para recibir de balde o seu carné Siareiro familiar (que doutro modo lle custaría 150 euros) para o que resta de tempada, e poderá gozar dun desconto do 10% no abono Siareiro da tempada 2009/2010 se quere seguir enganchado ao deporte.

Caixanova será a primeira empresa en liderar o proxecto. Desde este xoves, repartira nas súas oficinas da cidade as cartillas. "A base e a elite son continuidade un doutro, non feitos separados", dixo Jorge Santos, responsable de mercadotecnia de Caixanova, que significou que Vide "necesita un corpo, as empresas, e un alma, os amantes do deporte", para confirmar as boas expectativas da idea.

Ademais do cartón azul, Vide deseñou un cartón vermello exclusivo para a base, pois está destinado a menores de 18 anos. Trátase de lograr que os nenos e nenas que queiran ver o deporte local de máxima categoría tamén poidan engancharse. Ten os mesmos requisitos que o que repartirá Caixanova, é dicir, o mozo ou moza debe ir a cinco partidos esta tempada. Despois, Vide entregaralle un carné Siareiro Elite da tempada 2008/09 valorado en 15 a 40 euros segundo a súa idade.

Descargar todas as imaxes