Escoitar

O Concello da un mes á concesionaria dos aparcadoiros para saldar a súa débeda ou serán embargados

Conycase, a empresa concesionaria dos aparcadoiros das rúas Venezuela, Fernando el Católico e Coruña, ten 30 días para efectuar o pago dos preto de 400.000 euros que debe ao Concello. Así o afirmou hoxe xoves o alcalde, Abel Caballero, quen indicou que, de non saldar a débeda, se procederá ao rescate da concesión administrativa.

xoves, 23 out 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves que o edil de Xestión Municipal, o socialista Carlos L. Font, asinou hoxe o decreto polo que insta á empresa Conycase ao pago da débeda de 391.000 euros antes dun mes. De non se saldar a débeda, o Concello iniciaría o proceso de rescate da concesión administrativa dos tres aparcadoiros, sen dereito ningún a indemnizacións.

Segundo explicou o alcalde, o Concello procede así como é a súa obriga, pero tamén para adiantarse a calquera deficiencia que puidera producirse no servizo, o que pode acontecer neste tipo de casos.

Abel Caballero enviou unha mensaxe de tranquilidade aos traballadores dos tres parkings afectados, pois non verán perigar os seus empregos. No caso de ser rescatada a concesión, o alcalde afirmou que a nova concesionaria tería que manter aos traballadores, unha cuestión que o Concello "vixiará con lupa".