Escoitar

O Concello adica 800.000 euros a abastecemento e beirarrúas nas parroquias

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a adxudicación de 794.000 euros para a mellora do abastecemento e de beirarrúas en distintas parroquias de Vigo. O alcalde destacou que o gasto municipal en humanizacións durante este ano xa supera os 10 millóns de euros, "a maior da historia da cidade".

mércores, 22 out 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores da adxudicación por parte da Xunta de Goberno Local de 794.000 euros de investimento para a mellora do abastecemento e das beirarrúas nas parroquias da cidade.

Tal e como informou o alcalde, as beirarrúas de Baixada a Santa Cristina contarán con 145.000 euros de investimento; a primeira fase de Santa Marina, 95.000 euros; Manuel Costas, 120.000 euros; a rúa Canteiros, 68.000 euros; Xuncal, en Navia, 52.000 euros; e a Estrada de Muiños, 92.000 euros. As obras estarán rematadas en tres meses, salvo a da rúa Xuncal, finalizada nun mes.

Asemade, Abel Caballero informou da decisión adoptada polo goberno local de adxudicar a mellora do abastecemento e o saneamento, ademais da reposición do pavimento de superficie, na Travesía do Pino. Os traballos durarán dous meses e o Concello adicará máis de 200.000 euros.

Máis de 15 millóns en humanizacións
O alcalde de Vigo salientou que, no que vai de ano, as actuacións de mellora das rúas supera os 15 millóns de euros contando coa achega de todas as administracións. Do total, o Concello de Vigo dedicou a humanizacións en 2008 "máis de 10 millóns de euros", "o maior investimento da historia da cidade" neste tipo de actuacións, subliñou o rexedor.

Licencia para a limpeza da nave de O Gorxal
Abel Caballero avanzou que hoxe mércores se concederá pola vía de urxencia a licencia para proceder á retirada dos residuos da nave calcinada do polígono de O Gorxal, en Cabral. O alcalde estima que a vindeira semana se poidan comezar os traballos de limpeza da instalación.

Ademais, segundo indicou o rexedor, o edil de Distritos e Grandes Proxectos, o socialista Ángel Rivas, vai convocar unha reunión na que o próximo venres a empresa, os propietarios, a entidade encargada do tratamento dos residuos -Sogarisa-, e os departamentos de Medioambiente da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo coordinarán a actuación.