Escoitar
A exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística permanecerá na Estación Marítima do 24 de outubro ao 7 de novembro

"As nosas palabras, os nosos mundos" chega a Vigo para difundir o plurilingüismo como oportunidade de negocio

Tras a súa estadía en Bruxelas, a exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística "As nosas palabras, os nosos mundos" chega á Estación Marítima de Vigo, onde permanecerá do 24 de outubro ao 7 de novembro. Na cidade olívica, a mostra incidirá no plurilingüismo como unha oportunidade de negocio, xa que cada vez son máis os consumidores que reclaman ser atendidos na súa lingua. Neste sentido, a mostra pon de manifesto o uso do galego como un valor engadido para mellorar a competitividade das empresas.

xoves, 23 out 2008
As demandas dos usuarios levan ás empresas a cambiar as súas estratexias para abrirse paso nos mercados locais coa súa vocación global. Neste cometido, as novas tecnoloxías constitúen unha oportunidade. O galego conta xa con ferramentas como tradutores automáticos, dicionarios electrónicos ou contornos de traballo informáticos. Este é o eixo temático da xornada "A idade dixital do galego", que se realizará no marco da exposición o vindeiro 28 de novembro. Nela participarán representantes das empresas Google e Microsoft en España, moderados polo director da Escola Universidade de Vigo. No evento, analizarase a importancia do plurilingüismo no ámbito tecnolóxico como elemento xerador de novas oportunidades de negocio.

A exposición conta cun sitio web paralelo, www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á mostra e achegarse a información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.

Amplo apoio institucional en Bruxelas
"As nosas palabras, os nosos mundos" pasou xa por Santiago de Compostela, por Vilagarcía de Arousa, por Bilbao e por Bruxelas. Na capital europea estivo instalada nas dependencias da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, no Edificio Madou, onde traballan máis de 2.000 funcionarios. Alí, a mostra contou con amplo apoio das institucións europeas, encabezadas pola directora xeral de Educación da Comisión Europea, Odile Quintin, e polo comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban.

Desde as orixes ata hoxe
"As nosas palabras, os nosos mundos", celebrada no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, permítelles aos visitantes achegarse ao galego e á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, éuscaro, catalán, castelán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.

O punto de partida da mostra é "As orixes", que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe. A visita desemboca na "árbore das linguas", que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas. No módulo denominado "Isto é galego" o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días.

Os contidos do terceiro bloque, que lle dá nome á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística e poñen en valor o plurilingüismo.

O último tramo da mostra, "A nosa lingua na nosa vida" é o que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se achegan exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cine.

De Vigo a Madrid
Despois de Vigo, Madrid será o seguinte destino desta mostra itinerante. "As nosas palabras, os nosos mundos" poderá visitarse no Círculo de Belas Artes en novembro. Tamén poderá verse noutras cidades como A Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.