Escoitar

En outono comezará a humanización da estrada que une o Vao con Canido

A reforma se estenderá ata o final da estrada cortada, cun custe superior aos 1,6 millóns de euros. O proxecto chegou este luns ao Concello, quen asinará o convenio coa Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia que pemitirá o inicio dos traballos en outono. Cun prazo de execución de 12 meses, o alcalde afirmou que se tratarán de acelerar os traballos na zona de praias para que estén concluídos en xuño de 2009.

luns, 9 xuñ 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou en rolda de prensa que este luns chegou ao Concello o proxecto de acondicionamento e mellora do tramo de 1,6 km da PO-324 que une O Vao con Canido e se alonga ata o final da estrada cortada.

A humanización, "moi parecida ás do centro da cidade", en verbas do alcalde, ten un orzamento de 1.635.000 euros, financiado íntegramente pola Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia, e un prazo de execución de 12 meses.

Abel Caballero estima que as obras comezarán "en outono" e prevé que os traballos na zona de praias poidan acelerarse para que estea rematado no vindeiro xuño de 2009, antes dos 12 meses proxectados. A humanización ata o final da estrada cortada podería cumprir os prazos, xa que non afecta aos areais.

O rexedor local cualificou de "situación lamentable" o estado da zona na actualidade, polo que saudou o inicio da reforma. Abel Caballero repasou ás humanizacións postas en marcha durante este ano e salientou que "máis que duplican" as realizadas "na historia da cidade", e prestando "especial atención aos barrios e parroquias" viguesas.

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns os plans de Seguridade e Saúde dos traballos dos aparcadoiros de Jenaro de la Fuente e de Castelao. Abel Caballero avanzou que o próximo día 12 se asinará a acta de replanteo que da comezo aos traballos.

O alcalde salientou asemade da Xunta de Goberno o acordo acadado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a urbanización de O Pobo Galego. Colexio e Concello están a traballar tanto na praza que albergará a sede en Vigo da entidade como na reforma de Doutor Cadaval.

Os organismos acordaron, aprobado polo goberno este luns, que o Colexio proceda á urbanización na praza da parte proporcional que lle correspondía na rúa Doutor Cadaval. O motivo reside en que o Concello está a elaborar alí un estudo previo aos traballos, co que o Colexio non podía proceder.

O convenio establece que será o goberno local o que, tras a realización do estudo, reforme o tramo da rúa Doutor Cadaval que lle correspondía ao COAG. A actuación municipal contará cun orzamento de aproximadamente 600.000€ e estará rematada o longo do 2009.