Escoitar

Santiago Domínguez constata a boa posición de Vigo para acoller a Universiada

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, fixeron este martes unha valoración positiva da súa visita á Universiada 2007, celebrada en Bangkok. Segundo afirmaron, puideron comprobar que Vigo conta con recursos suficientes e está ben posicionado para acoller este evento.

martes, 14 ago 2007
1187096204universiada140807.jpg
Domínguez salientou a "dimensión extraordiaria" da Universiada, que podería representar para Vigo "o maior acontecemento na historia da nosa cidade". O tenente de alcalde asegurou que "regresamos coa sensación de que Vigo ten posibilidades", cando menos de pasar o primeiro corte estatal, no que deberá competir coa cidade de Murcia, para posteriormente medirse coas cidades candidatas de Rusia, Francia e Canadá e as que poderían presentarse en representación de Alemaña e Uruguai.

Para Santiago Domínguez, Vigo está "ben posicionado" dentro deste grupo de cidades, xa que durante a súa estadía en Bangkok a delegación viguesa constatou que só serían necesarios "uns cantos retoques" das instalacións deportivas actuais para que a nosa cidade poida albergar a Universiada.

O proxecto de maior envergadura que Vigo tería que asumir sería o da construción dunha vila olímpica con capacidade para uns 10.000 deportistas e situada a non máis de 15 minutos das instalacións deportivas onde se celebre a Universiada. Neste sentido, o tenente de alcalde adiantou que o Concello colaborará coa Consellería de Vivenda para que financie as obras e coa Universidade para a cesión de terreos no campus que poidan acoller esta infraestrutura. Esta vila olímpica podería utilizarse despois da Universiada como residencia universitaria e tamén para ofrecer vivendas de protección oficial.

En relación aos prazos do proceso mediante o cal Vigo podería ser elixido sede da Universiada, Santiago Domínguez anunciou que a próxima semana o Concello dirixirá senllas cartas ao Consello Superior de Deportes e á Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) para presentar a candidatura da cidade ás Universiadas de 2013 e 2015. A decisión do Consello Superior de Deportes sobre o corte estatal será adoptada a finais deste ano, e a decisión final da FISU chegará a finais de 2008.

Con anterioridade, a principios de setembro deste ano, iniciaranse os traballos para a constitución dun equipo permanente para organizar o proxecto da candidatura, coordinado pola Fundación Vigo Deporte. Este equipo deberá ter rematado en novembro o mencionado proxecto, para a súa presentación ante o Consello Superior de Deportes e a FISU.

Tamén en setembro se constituirá o grupo Provigo 2013, composto por representantes políticos e económicos de Vigo e representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e da Universidade de Vigo. O obxectivo deste grupo será conseguir esa "unidade de todos os cidadáns" á que o concelleiro Xabier Alonso apelou para que "este soño" sexa posible.
Descargar todas as imaxes