Escoitar

Concello e Xunta proxectan un gran local de ensaio e un centro "Quérote" para Vigo

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, reuniuse este luns no Concello co director xeral de Xuventude, Rubén Cela, para concretar a implantación en Vigo dun gran local de ensaio para grupos musicais locais e dun centro "Quérote" de asesoramento afectivo e sexual para mozos e mozas.

luns, 13 ago 2007
1187010688xuventude130807.jpg
Segundo explicaron Iolanda Veloso e Rubén Cela á saída do encontro, o Concello e a Xunta barallan a posibilidade de situar o local de ensaio nunha nave con capacidade para un mínimo de dez salas adaptadas para que os novos músicos poidan satisfacer as súas inquedanzas sen causar molestias a ningún veciño. O obxectivo do Concello e da Xunta é contar cun local destas características funcionando a principios de 2009, dentro da xa existente Rede Galega de Locais de Ensaio.

En canto ao centro "Quérote", Veloso e Cela concordaron na necesidade de buscar un local que garanta a intimidade dos rapaces e rapazas. Este local formará parte da rede de centros de asesoramento afectivo-sexual da Xunta, que, segundo sinalou Rubén Cela, pretende garantir o dereito dos mozos e mozas a recibir información científica que lles axude a gozar da súa sexualidade de maneira segura. O labor dos centros "Quérote" é complementario ao do servizo público de saúde, sen que por iso se necesite cita previa nin tarxeta sanitaria para acudir a eles.
Descargar todas as imaxes