Escoitar

A Xunta Local de Seguridade prepara a saída da Vuelta Ciclista a España

A Xunta Local de Seguridade reuniuse este luns para preparar a saída desde Vigo da primeira etapa da Vuelta Ciclista a España, que terá lugar o próximo 1 de setembro. O alcalde, Abel Caballero, afirmou tras o encontro que a cidade recibirá a visita dunhas 150.000 persoas con motivo deste evento.

luns, 13 ago 2007
1187008622seguridade130807.jpg
Caballero salientou a "presenza mediática en toda Europa" que a saída da Vuelta reportará a Vigo e mostrouse convencido de que o dispositivo preparado pola Xunta Local de Seguridade "vai funcionar á perfección". Este dispositivo estará formado por máis de 200 axentes da Policía Local, da Policía Nacional e da Garda Civil, así como por membros de Protección Civil e corpos de voluntarios.

O sábado 1 de setembro, o pelotón sairá desde o Real Club Náutico en dirección á Travesía de Vigo, desde onde pasará á estrada comarcal de Pontevedra para saír do termo municipal. Despois dun percorrido que o levará por diversos puntos da provincia, o pelotón regresará por Zamáns en dirección á factoría de Citroën. Neste lugar iniciarase un circuíto urbano que discorrerá ata Samil e de volta ata Citroën. Os ciclistas darán tres voltas a este circuíto para finalmente chegaren á meta, que estará situada en Samil. O percorrido total da etapa ten unha lonxitude de 145 kilómetros, favorables aos sprinters polas súas características.

Abel Caballero adiantou que o tráfico estará cortado ao longo do circuíto urbano previsiblemente entre as 16.00 e as 17.30 do 1 de setembro. Ademais, para facilitar o desenvolvemento da etapa, prohibirase o aparcamento en varios tramos, entre eles o de Samil xa desde o día anterior á celebración da proba. Neste sentido, o alcalde anunciou unha "moi forte campaña de información" para que os cidadáns coñezan as medidas de seguridade que se adoptarán.
1187008622seguridade130807.jpg
1187008643seguridadealcalde130807.jpg
Descargar todas as imaxes