Abel Caballero: “Faremos unha rampla adicional entre II República e Paseo de Granada”
A humanización de Paseo de Granada contará con 4 ramplas, que salvan pendentes entre o 8,75% e o 10,5%. A actuación supón un investimento de 3.344.461 euros, dos que case 2 millóns de euros son Fondos Next Generation EU do Goberno de España.
Caballero explicou esta mañá que “avanzan a un ritmo moi áxil” as obras que se están realizando no proceso de humanización do Paseo de Granada, explicando que “neste momento estamos facendo todo o asfaltado que vai permitir unha moitísimo mellor circulación”. A previsión é que a obra estea rematada este verán.
A actuación municipal comprende o Paseo de Granada e unha pequena parte da rúa Pracer que serán humanizadas con beirarrúas ampliadas. Amais instalaranse catro ramplas mecánicas que permitirá salvar pendentes entre o 8,75% e o 10,5%. As catro ramplas proxectadas contan con 35, 38, 35 e 12 metros de lonxitude.
Coa obra renóvanse as redes de servizos existentes, a iluminación pública por un sistema LED, implántase novos elementos de mobiliario urbano: bancos, papeleiras, varandas e a disposición de novas zonas axardinadas, mantendo as árbores existentes e dotando a zona de rega automática por goteo.
A actuación supón un investimento de 3.344.461 euros, dos que case 2 millóns de euros son Fondos Next Generation EU do Goberno de España. Caballero aproveitou para desvelar que “cando acabemos esta humanización, faremos unha rampla adicional na parte baixa”, que serán unha continuación das de II República e servirá de nexo co Paseo de Granada. Rematou reivindicando que a “esta cidade xa non hai quen a pare”.