O Nadal de Vigo comeza este sábado, 15 de novembro, ás 20 horas
A Porta do Sol será o escenario do acto do acendido que poderá seguirse na propia praza, a través de pantallas en Policarpo Sanz, no Marco e en Vialia ou a través da web municipal. Máis de 120 medios de comunicación están acreditados para cubrir o evento.
“Este sábado 15 de novembro desde a Portal do Sol arranca o Nadal de Vigo e o nadal no planeta Terra”, avanzou o rexedor ao dar conta de que a cerimonia de acendido comezará ás 20 horas na gran árbore da praza. O acto poderá seguirse a través da web municipal e a canle de Youtube do Concello Televigo e, amais, o Concello dispuxo 3 pantallas para seguilo desde diferentes puntos da cidade: o exterior do Museo Marco, a rúa Policarpo Sanz, á altura da entrada do túnel e a praza de Vialia.
Abel Caballero explicou que as persoas que queiran ver o acto de acendido da iluminación do Nadal desde a Porta do Sol poderán acceder a partir das 18 horas da tarde, tendo en conta que o centro da praza quedará pechado ás 15:00 horas, de forma que, desde momento, só se poderá camiñar polos corredores perimetrais.
Os accesos á Porta do Sol deberán facerse polos catro puntos habilitados: a Porta do Sol, Policarpo Sanz, Príncipe, Doutor Cadaval e Carral. Tal e como establece o Plan de Autoprotección do evento, o aforo da praza é de 7.000 persoas, polo que haberá persoal nos catro puntos de acceso para controlará o número de persoas e non superar o límite permitido, de xeito que o acto poida desenvolverse coa seguridade debida.
O rexedor explicou que o acendido do Nadal de Vigo contará coa presenza de numerosos xornalistas, con máis de 120 profesionais acreditados para transmitir en directo o acto e contalo ás súas respectivas audiencias.
Sobre as cancións que este ano soarán na árbore, Caballero adiantou seis que irán en bloques de tres: John Lennon “Happy Christmas”, Mariah Carey “All I want for Christmas is you”, Ozuna “Llegó la Navidad”, Ed Sheeran& Elthon John “Merry Christmas”, Sting “English man in New York” e Dmitri Shostakovich “The Second Waltz”.
A previsión é que mañá quede aberto o Cíes Market na Alameda e o resto de mercadillos (Vialia, Calvario e Bouzas) abrirán en datas próximas.