Escoitar

O Pleno insta á Xunta a mellorar a atención sanitaria no PAC de Pizarro

Os votos do PSOE e do BNG deron luz verde a unha moción socialista que insta á Xunta a planificar os recursos humanos no PAC para evitar situacións de desatención sanitaria. O PP votou en contra dun texto que destaca que as urxencias extra hospitalarias contan en moitas ocasións cun 25% do persoal.

luns, 28 out 2024
Carlos Font durante o debate da moción socialista
Carlos Font durante o debate da moción socialista

O PSOE, que aceptou unha engádega do BNG, criticou as queixas de profesionais e usuarios cos servizos que se presta no PAC de Pizarro. En opinión do concelleiro Carlos López Font, a falta de sanitarios e as longas listas de agarda son unha constante nestas instalacións. O texto aprobado co voto en contra do Partido Popular esixe á Xunta a planificación dos recursos humanos e a asunción de responsabilidades.

Outra das mocións aprobadas esta mañá pasa por reclamar o investimento de 5 millóns de euros para a mellora da eficiencia enerxética nos centros educativos vigueses. A concelleira de educación, Olga Alonso, defendeu un texto que contou co voto favorable do BNG e do PSOE e a abstención do Partido Popular. Na súa intervención, a edil socialista defendeu os beneficios da aposta pola sostibilidade enerxética no eido educativo que van desde o aforro económico e enerxético ata valores máis intanxibles como é a creación de espazos de traballo máis cómodos e o ensino sobre un uso responsable da enerxía.

O Pleno aprobou tamén, co apoio dos populares e nacionalistas e a abstención dos socialistas, a moción do BNG urxindo ao goberno municipal a adoptar coa maior axilidade todas as medidas necesarias para posibilitar a doazón pola CIG e a instalación na cidade do monumento conmemorativo das loitas obreiras de 1972 nunha localización acordada coa entidade doadora. Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG, expuxo que a Confederación Intersindical Galega propuxo no ano 2022 ao goberno municipal a doazón dun monumento conmemorativo esculpido en pedra para ser exhibido na cidade “desde o convencemento de que a cidade ten unha inmensa débeda coas millares de traballadoras e traballadores que en 1972 converteron Vigo no epicentro da loita obreira” e censurou os 34 meses infrutuosos de xestión por parte do goberno municipal.

Descargar todas as imaxes