Escoitar

O Concello pechará 2024 coa maior licitación de obras de todas as cidades de Galicia

O Concello pechará 2024 coa execución de investimentos por valor de 50 millóns de euros do capítulo VI do Orzamento Municipal - investimentos-, liderando a licitación de obras sobre o resto das cidades galegas, segundo informou este luns no Pleno o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros. O edil tamén destacou que Vigo mantense “á vangarda” dos municipios polo pago das facturas aos seus provedores en 8,5 días.

luns, 28 out 2024

O concelleiro de Orzamentos e Facenda explicou hoxe que o goberno local licitou obras cun valor maior que as do resto das cidades de Galicia. “Ese é o feito comparativo, a diferenza entre Vigo e o resto das cidades de Galicia”, recalcou Jaime Aneiros, ao poñer en valor que o goberno local pechará o ano “cun 30 por cento máis de execución de investimentos do que lle correspondería dacordo co orzamento inicial”.

Entre as cifras destacadas polo edil figuran, dentro do capítulo IV das contas municipais -subvencións-, os 4,8 millóns de euros en axudas ás familias, como as bolsas de libros e de comedor, aos que hai que sumar outros 1,8 millóns en axuda ordinarias, “dedicando a Política Social, ás necesidades das persoas, recursos como nunca se fixo nesta cidade”.

O edil apuntou que ao 30 de setembro o Concello abonou máis de 190 millóns de euros dos 265 millóns do orzamento inicial, xa que do capítulo II -contratos e servizos – estaban comprometidos 147 millóns, aos que hai que sumar outros 30 millóns de investimentos ata final de ano.

Aneiros lembrou que ao longo de 2024 puxéronse en marcha importantes investimentos en infraestruturas que transforman a cidade e a mobilidade peonil como as ramplas mecánicas entre Escultor Gregorio Fernández, así como as de Ramón Nieto. “Transformando todos os recunchos da cidade”, recalcou, lembrando que entre os investimentos en marcha atópase o da transformación de Samil.

Pago a provedores

O concelleiro de Orzamentos e Facenda explicou que no terceiro trimestre de 2024 realizáronse 1.626 pagos a provedores, dos que 48 millóns correspóndense coa Xerencia Municipal de Urbanismo.

O edil avanzou que o Concello abonou e ten en execución máis de 123 millóns de euros dos capítulos II e VI, e que Vigo mantén o liderado no pronto pago, xa que os últimos datos sitúan o pago en 8,5 días aos provedores que cumpren cos pregos e as condicións pactadas. “Os provedores de Vigo saben que nunha semana, se cumpren co contrato, teñen os pagos nas súas contas”, incidiu Jaime Aneiros ao contrastar a rápida resposta de Vigo cos seus provedores coas situacións de concellos galegos como os de Ourense e Santiago, que deben esperar entre 155 e 108 días para cobrar as facturas. “Vigo sitúase á vangarda en cumprimento de pago e en áxil xestión económica-financeira”, recalcou o concelleiro ao incidir en que “estamos á cabeza das principais cidades de España en pago a provedores”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes