Escoitar

Vigo solicita á Xunta 10 millóns para reformar a fachada marítima da cidade

A moción do grupo municipal socialista demanda ao goberno autonómico o mesmo investimento que noutras cidades de Galicia. O Pleno tamén insta á Xunta a investir 10 millóns máis para as infraestruturas viarias e a declarar a gratuidade da autoestrada entre Vigo e Baiona.

luns, 28 out 2024

Vigo quere recibir os mesmos investimentos que outras cidades e vilas de Galicia para a mellora da fachada marítima, "desde Teis ata Saiáns e non só na Avenida de Beiramar". Así, o Pleno aprobou demandarlle á Xunta un investimento significativo para a mellora do litoral en todo o termo municipal por un importe de 10 millóns de euros, unha cantidade similar á da Coruña.

A moción foi defendida polo edil Jaime Aneiros, que lamentou que os investimentos do goberno autonómico estean centrados soamente na Avenida de Beiramar cun orzamento de 487.000 euros. PSdeG e BNG apoiaron esta proposta, mentres que o grupo popular votou en contra.

Autoestrada de balde entre Vigo e Baiona

Outro dos puntos aprobados no Pleno foi solicitar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o decreto “de xeito inmediato” da gratuidade da AG-57, a autoestrada entre Vigo e Baiona. O concelleiro socialista Carlos López Font pediu liberar as actuais peaxes que soportan os usuarios da mesma. Esta petición, por parte do grupo municipal socialista, vén dada polo rescate das catro autovías con peaxe en sombra noutros puntos de Galicia “e de novo marxinando á cidade de Vigo, co castigo de pagar as peaxes na súa comunicación cos concellos do Val Miñor”. A moción saíu adiante cos votos favorables do PSdeG e BNG e o voto en contra do Partido Popular.

Máis cartos para o viario de Vigo

Aneiros tamén defendeu máis investimentos nos viarios autonómicos de Vigo, concretamente 10 millóns fronte ao millón orzamentado para o 2025. Desde o PSdeG aseguran que o goberno local está a piques de aprobar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e, polo tanto, a ordenación de novas edificacións debe ir acompañada de infraestruturas de mobilidade que faciliten tanto a mobilidade interior da cidade como os propios accesos. A pesar do voto en contra do PP, a moción saíu adiante cos votos dos Grupos do PSdeG e BNG.

Descargar todas as imaxes