Escoitar

Abel Caballero: “Seguiremos poñendo en valor os museos da cidade coa aprobación do Plan Estratéxico de Cultura”

Entre as medidas destaca a modificación da identidade visual e as canles de comunicación e a reconfiguración dos museos, buscando “a segmentación e especialización para reforzar a súa singularidade”, apuntou o rexedor.

xoves, 6 xuñ 2024

O Plan Estratéxico de Cultura contará cunhas liñas estratéxicas “moi ambiciosas”, como sinalou o rexedor vigués. Con este plan o Concello de Vigo mellorará, ampliará e reorganizará todos os espazos culturais municipais, “poñendo en valor o potencial dos museos da cidade, así como os espazos expositivos”.

Algunhas das liñas estratéxicas destacadas son a mellora da identidade visual e das canles de comunicación, así como, a reconfiguración dos museos, con segmentación e especialización para reforzar a súa singularidade. Outras das medidas a implementar é o deseño de programas educativos para a comprensión didáctica e participativa ou o reforzo da programación de exposicións temporais para favorecer a participación de diferentes axentes culturais.

Coa aprobación do novo plan, mellorará a atención á conservación preventiva de edificios e coleccións e a potenciación da investigación e transferencia de coñecemento a través de conferencias, ciclos e xornadas, entre outros. Outra das medidas nas que fixo fincapé Abel Caballero foi, o “incremento paulatino dos horarios de apertura da Rede Municipal de Museos”, xa que é necesario “telos abertos máis horas, adaptándose á modernidade”.

O alcalde indicou que durante os últimos meses dende o goberno municipal iniciaron algunhas accións incluídas neste Plan Estratéxico, como a convocatoria pública de proxectos expositivos para Casa das Artes e Casa Galega da Cultura. Tamén se esta implementando a mellora, acondicionamento e reorganización de espazos nos museos e a nova organizacón do fondo de reserva de arqueoloxía. Tamén se realizou a convocatoria da Noite Branca con diversificación de actividades e o incremento da programación de exposicións, conferencias, ciclos e xornadas.

Descargar todas as imaxes