Escoitar

Caballero saúda a volta da Correndo por Vigo que se celebra “de noite e cun gran clima social”

O alcalde de Vigo presentou este mércores a Nocturna Correndo por Vigo que se desenvolve este sábado á altura do mercado das Travesas (22:00 horas) e que volve “tras cinco anos” cunha soa distancia: o 10.000 e o mesmo percorrido que en 2019, a súa anterior edición.

mércores, 5 xuñ 2024
Momento da presentación desta mañá en rolda de prensa
Momento da presentación desta mañá en rolda de prensa

O rexedor trasladou que a carreira lle parece "entrañable" ao iniciarse coa posta do sol e aplaudiu que “ademais da competitiva ten unha parte social ao final que lle dá un aire de festa”, pois a organización, a cargo da Asociación de Comerciantes das Travesas (Aetravi) e do mercado das Travesas, remata o evento cun concerto. "Ten un gran clima social”, sentenciou.

Caballero, acompañado por representantes de Aetravi (Iván Iglesias e Chus Sánchez), do mercado (Delmiro Hermida, o seu xerente), de Máis que Auga (Fran Cortegoso) e do director da proba, David Posada, lembrou que esta nocturna pertence ao circuíto municipal Run Run Vigo de carreiras populares (a sétima de doce) e expresou o seu desexo de que “toda a cidade viva o running” a través dos seus barrios e parroquias.

Con dúas voltas a un circuíto que vai desde Florida á Praza de América para tomar Castelao ata os volcáns de Coia e regresar pola rúa Porriño volvendo por Castelao, a inscrición, xa pechada, foi duns 750 atletas, dos que 275 son nenos que participarán nas probas curtas previas (20:30 horas).

“Sempre custa retomar este tipo de eventos, aínda que queremos que volva ser a gran carreira que sempre foi”, dixo Posada. Respecto ás edicións de 2016 a 2019 varía na eliminación do 5K para centrarse exclusivamente no 10.000. Non será este o único evento do Run Run Vigo este mes: o día 23, a Nocturna de San Xoán.

Momento da presentación desta mañá en rolda de prensa
Descargar todas as imaxes