Escoitar

Vigo, capital da Biotecnoloxía

A capital viguesa acolle os próximos días 12 e 13 de xuño ‘Galicia Biodays’, o foro de referencia da industria biotech do Espazo Atlántico Europeo organizado por Bioga. O encontro internacional recibirá a máis de 1.000 asistentes e xa ten programados 600 encontros para que os protagonistas do sector das ciencias da vida xeren negocios e desenvolvan novos proxectos

martes, 4 xuñ 2024

Vigo é a capital da biotecnoloxía. “E o é porque esta cidade e a súa contorna contan cun indiscutible carácter emprendedor e industrial, aquí naceron e se desenvolveron algúns dos proxectos biotecnolóxicos máis relevantes do panorama nacional e tamén aquí  sucede de forma natural a hibridación entre a biotecnoloxía e outros sectores estratéxicos”. Así o destacou José Manuel López Vilariño, presidente da Agrupación industrial
Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

Pero, ademais, Vigo reafirma esa capitalidade biotecnolóxica ao acoller no Auditorio Mar de Vigo os próximos 12 e 13 de xuño Galicia Biodays, o foro de referencia da industria biotecnolóxica e das Ciencias da Vida do Espazo Atlántico Europeo organizado por Bioga. “Vigo e Galicia Biodays xerarán unha contorna ideal para que o sector biotecnolóxico estableza contactos e sinerxias, xere negocio, desenvolva novos proxectos e entre en contacto con inversores e clientes”, afirmou José Manuel López Vilariño durante a presentación de Galicia Biodays hoxe no salón de actos do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Ao acto de presentación acudiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; e o delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades.

Galicia Biodays pon o foco na comunidade galega, un dos territorios líderes en bioemprendimiento. Lidera, por exemplo, áreas estratéxicas para a biotecnoloxía como desenvolvemento de fármacos, alimentación funcional, medicina personalizada ou recursos mariños. A cita biotech en Vigo abordará, entre outros, asuntos como o desenvolvemento de medicamentos, innovación en alimentación e cosmética, emprendemento e financiamento de proxectos estratéxicos e internacionalización. Así mesmo, en Vigo levarase a cabo unha misión comercial inversa con biorregiones referentes como Canadá, Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Xapón, India e Marrocos. Esta delegación coñecerá tamén os laboratorios de Porto do Molle, que promoe o Consorcio Zona Franca de Vigo, e instalacións de empresas referentes na área de Vigo.

Bioga destaca o apoio a Galicia Biodays de entidades e institucións. E pon en valor o respaldo de firmas e entidades como Zendal, Xunta de Galicia, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Inventium (patrocinadores platino); Promega, Mestrelab Research, Lonza, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago e Servitalent (patrocinadores ouro); Grupo AMSlab; CaiXabank/DayOne,Paralab Bio, FI Group, Universidade de Vigo, AINIA,
Endress+Hauser, Anfaco-Cecopesca, CETIM, ILC Dover e Agilent (patrocinadores prata). Como colaboradores figuran EDIH DATAlife, Ibero Bio e Concello de Vigo.

 

Descargar todas as imaxes