Vigo seguirá sumando carrís para bicicletas aos máis de 20 quilómetros xa existentes
No Día Mundial da Bicicleta, o alcalde fixo repaso dos carrís bici dispoñibles na cidade como aposta do seu goberno pola “mobilidade sostible”.
O Concello ten habilitado nos últimos anos “máis de 20 quilómetros de carrís bici e, deixádeme que o diga, a rede pescando, porque continuamos niso, queremos que a bicicleta sexa unha forma de transporte, de mobilidade habitual na cidade”, xunto aos patinetes e as novas formas de desprazarse, apuntou o rexedor, ao referirse este luns á celebración do Día Mundial da Bicicleta.
Tal e como sinalou Abel Caballero, desde o goberno municipal “levamos tempo apostando pola mobilidade sostible”, singularmente polos carrís bici, e nestes momentos está operativo o que “atravesa prácticamente toda a cidade” ao longo de dez quilómetros, desde Teis ata a Avenida de Europa, e que a cidadanía emprega tanto para ocio, como para desprazamentos ou como opción de vida saudable.
Ao mesmo tempo, o Concello traballa nun plan director para implantar novos carrís bici na cidade “continuando a súa transformación” e recuperou a Vía Verde, “un modelo excepcional”, que suma 4,5 quilómetros de senda para as bicicletas. Ademais, o Paseo do río Lagares, onde conviven as bicicletas e os peóns é outro dos modelos de mobilidade sostible que ofrece a cidade.