Escoitar

O goberno municipal aproba novas subvencións para os clubs de deporte feminino por 45.000 euros

O goberno municipal aprobou hoxe as bases reguladoras e a convocatoria específica de subvencións a entidades deportivas de Vigo para promocionar o deporte feminino na temporada de 2023-2024, cun importe de 45.000 euros.

venres, 31 mai 2024

Abel Caballero informou este venres que as axudas municipais ao deporte feminino beneficiaron o ano pasado a un total de 77 clubs de Vigo. Lembrou que o obxectivo das subvencións é promocionar o ascenso, a permanencia e a promoción das nenas e mulleres no deporte. “Queremos apoiar o deporte feminino. En Galicia só o 25 por cento das licenzas federadas son de mulleres e temos que seguir facendo que cada vez máis mulleres fagan deporte”. As axudas irán destinadas a atender os gastos xerados polo aloxamento, o material deportivo, instalacións, “para todo o que teña que ver co deporte feminino”, incidiu o rexedor.

Torneo de baloncesto

O alcalde anunciou que entre os acordos adoptados na Xunta de Goberno de hoxe figura a subvención con 120.000 euros á Federación Española de Baloncesto Feminino para o Torneo de Vigo da selección feminina de preparación para os Xogos Olímpicos de París 2024.

Caballero recalcou a presenza e a preparación en Vigo en xuño da selección española feminina, e convidou a asistir aos partidos organizados os días 21 de xuño de España contra Turquía; o sábado 22 de Turquía contra China; e o domingo 23 de España contra China. O rexedor lembrou que o seleccionador e adestrador Miguel Méndez, “Vigués distinguido 2023” estará na cidade preparando os xogos olímpicos.

Descargar todas as imaxes