O Concello convoca axudas para a iluminación de edificios históricos
Abel Caballero apunta que a finalidade da convocatoria é “realzar a marabillosa arquitectura de Vigo” contribuíndo a que os propietarios presenten os seus proxectos de iluminación.
O Consello da Xerencia de Urbanismo vén de aprobar a nova convocatoria de axudas para a iluminación de edificios históricos 2024-2025 que ten por obxecto fomentar a iluminación das fachadas dos edificios históricos da cidade cunha axuda ás persoas ou comunidades propietarias que executen as actuacións entre xaneiro de 2024 e outubro de 2025.
Con este programa, dotado con 20.000 euros, o goberno municipal quere “darlle realce a edificios históricos, arquitectonicamente marabillosos, que son de propiedade privada”, e que nestes momentos poden estar habitados pola propiedade ou en réxime de alugueiro e que “queremos poder admiralos de noite” cunha iluminación que enxalce a súa beleza, sinalou o alcalde.
O prazo de presentación das solicitudes destas axudas é de tres meses desde este martes, 4 de xuño, que se publican as bases reguladoras da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva sendo a contía máxima subvencionable por edificación residencial colectiva de 10.000 euros.