Abel Caballero resalta o compromiso de Vigo co medio ambiente
No Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño, o rexedor vigués relatou os diferentes traballos que se realizan dende o Concello para o seu fomento.
“Hoxe, 5 de xuño, conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente”, comezou relatando o rexedor vigués, apuntando que o lema deste ano é “As nosas terras. O noso futuro”. Caballero explicou que esta mañá, en colaboración co Concello de Vigo e baixo a supervisión de técnicos municipais, estudantes e profesores do Colexio Hogar Afundación realizan unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Fontaíña, na que eliminarán especies exóticas invasoras da contorna.
Caballero destacou que “en Vigo temos un elevado compromiso co medio ambiente”. Isto constatase nas 17 bandeiras azuis (12 para praias e 5 para sendeiros), recoñecementos aos que para optar a eles débense cumprir e manter unha serie de estritos criterios ambientais, educativos, de seguridade e de accesibilidade. O primeiro edil sinalou que “ningunha cidade en España ten tantas”. As 12 praias con este distintivo contan con servizo de vixilancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria durante toda a tempada estival. Pola súa banda, os sendeiros azuis son lugares ideais para a sensibilización ambiental e o goce da natureza.
O nacemento de Vigo Nature, “unha acción medioambiental extraordinaria”, “é o novo formato no que convertemos o antigo Vigozoo, nun aula da natureza, na que se aprende a querela”, rematando “coa crueldade de ter animais salvaxes en catividade”. Tamén en marcha a ampliación da protección do ENIL de o Vao e a reforma de Samil para a súa recuperación dunar, “para que as praias volvan a lucir as dunas maravillosas que tiñan hai 100 anos”. Caballero tamén sinala que Vigo conta “cunha extensión de humidais que alcanza o 314.000 m²”
O rexedor vigués destaca o novo paseo do río Lagares, “no que temos 11,5 km e plantamos ata 1000 árbores e arbustos novos, dos que 200 serán de gran porte, como carballos e freixos”. Tamén relatou que Vigo é a primeira cidade en revisar o plan de acción contra o ruído e destacou o programa medio ambiental Camiño a Camiño, no que as actividades que engloban preto de 2.000 persoas.
A importancia das ramplas mecánicas e os ascensores, reducindo as emisións de CO2, e a nova depuradora da cidade tamén foron citadas polo alcalde. Finalmente numerou os traballos da reforma integral do refuxio municipal de animais, así como a campaña de sensibilización sobre a adopción de animais de compañía.