Axentes da Policía Local fórmanse na atención aos maiores e ás persoas con algún tipo de demencia
Axentes da Policía Local participaron hoxe nunha nova iniciativa de formación, centrada en mellorar os coñecementos para atender ás persoas maiores e ás afectadas con distintos tipos de demencias. Así o apuntou este mércores o alcalde ao indicar que unha psicóloga da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, AFAGA, dirixiu a sesión.
Abel Caballero destacou que os axentes da Policía Local de Vigo adquiriron hoxe novos coñecementos para saber actuar ante unha situación de necesidade dunha persoa maior ou cunha demencia coa sesión formativa impartida por unha experta de AFAGA.
O alcalde detallou que os 60 participantes na sesión instruíronse en temas relativos ao idadismo, a forma de evitar calquera discriminación; os malos tratos, a neglixencia ou abuso económico dos maiores; así como sobre os síntomas da demencia, ou sobre como actuar ante a desaparición dunha persoa con estas características.
“A Policía Local de Vigo son profesionais cunha gran formación, cunha gran capacidade de actuación e que teñen como obxectivo estar o lado da poboación. Agora, con coñecemento técnico e gran profesionalidade, a mellor policía que houbo nunca nesta cidade”, afirmou Caballero.