venres, 22 feb 2008
Que os clubes de elite de Vigo funcionen de maneira autónoma pero baixo un mesmo paraugas. Tal é a proposta feita pública este venres polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, para estas entidades deportivas. Trátase, segundo explicou Domínguez, de establecer liñas de actuación conxuntas e optimizar recursos para superar a dependencia dos clubes respecto das administracións.
venres, 22 feb 2008
A directiva do Clube Financeiro de Vigo (CFV) fixo entrega este venres ao alcalde do seu estudo de Área Metropolitana, que inclúe 24 localidades nas que non está Pontevedra. Abel Caballero, que defende unha proposta ampliada a 28 municipios, resaltou que ambos traballos son "exacta e milimétricamente" iguais.
venres, 22 feb 2008
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este venres que ao longo do vindeiro mes de marzo asinará o novo convenio de colaboración coa Asociación de Xordos de Vigo. Ademais, durante a visita que realizou ás xornadas de portas abertas organizadas por esta entidade asegurou que a achega municipal, cifrada actualmente en 16.500 euros, experimentará un incremento para impulsar a defensa da lingua de signos, desenvolver campañas de sensibilización sobre a realidade das persoas con discapacidade auditiva e fomentar a súa integración.
venres, 22 feb 2008
A campaña municipal "Axuda a Vivir: Doa sangue e planta unha árbore" rematou este venres coa plantación colectiva de 250 árbores na praia de Carril, na rotonda da estación de autobuses e nos parques forestais de Vixiador e dos Pozos. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, foron os encargados de comezar durante a mañá a segunda fase da iniciativa, coa plantación de 60 carballos na praia da parroquia viguesa de Alcabre, acompañados de voluntarios e de 50 estudantes do colexio Eijo Garay.
venres, 22 feb 2008
A exposición, que se inaugura este venres, poderá ser visitada ata o 11 de maio no Espazo Anexo do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). A presentación contou coa asistencia do alcalde, Abel Caballero. Como continuación do proxecto PRÓSPERA, presentado en setembro de 2007 en Pequín, a viguesa Carme Nogueira busca de novo un diálogo coa cultura chinesa que nesta ocasión toma como referencia o contexto máis próximo, a cidade onde vive e desenvolve o seu traballo.
venres, 22 feb 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que buscará fórmulas de colaboración coa Asociación de ex Detidos e Desaparecidos de Arxentina, segundo manifestou tras a xuntanza que mantivo con Nilda Emma Eloy, representante desta entidade, na que tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social, María Méndez. Na xuntanza, o tenente de alcalde amosou a súa solidaridade coa causa defendida pola Asociación e salientou o traballo que esta desenvolve a favor dos dereitos humanos e o esclarecemento da verdade.
venres, 22 feb 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, recibiu este venres no Concello os participantes dun curso de formación para guías turísticos especializados de Galicia, aos que pediu que axuden a "vender esta cidade" ás persoas que a visitan.
venres, 22 feb 2008
O vindeiro domingo 24 de febreiro clausurarase a pista de xeo, que este ano está instalada no parque de Castrelos, concretamente no Auditorio, co obxectivo de aproveitar esa instalación fóra da época estival e para favorecer o desenvolvemento de actividades lúdicas nun contorno natural. Deste xeito, os interesados aínda poden disfrutar das instalacións o sábado e o domingo en horario continuado de 12.00 a 22.00 horas a un prezo único de seis euros.