Escoitar

O Concello buscará liñas de actuación conxuntas para mellorar a situación dos clubes deportivos de elite de Vigo

Que os clubes de elite de Vigo funcionen de maneira autónoma pero baixo un mesmo paraugas. Tal é a proposta feita pública este venres polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, para estas entidades deportivas. Trátase, segundo explicou Domínguez, de establecer liñas de actuación conxuntas e optimizar recursos para superar a dependencia dos clubes respecto das administracións.

venres, 22 feb 2008
1203697496clubes220208.jpg
O tenente de alcalde, acompañado do concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, manifestou este venres en rolda de prensa que os equipos de elite da cidade "seguirán contando co máximo apoio tanto da Concellería de Deportes como da Tenencia de Alcaldía", xa que son "un referente" para os vigueses que practican deporte, especialmente os nenos e as nenas.

Domínguez referiuse á "situación de certa preocupación" que se produce "desde hai moitísimos anos" ao remataren as temporadas de competición, cando os clubes de elite teñen que tratar da continuidade dos seus patrocinios e da busca de recursos económicos que lles permitan manter o seu nivel deportivo. Neste sentido, o tenente de alcalde afirmou que "os clubes non poden estar na continua reivindicación de que teñen que depender das administracións", xa que "maior esforzo económico" por parte destas "non se pode facer". Para Santi Domínguez, a "desproporción abismal" entre as subvencións das administracións e os recursos propios dos clubes son "pan para hoxe e fame para mañá".

Por iso, e tras reiterar o seu apoio "sen fisuras" aos clubes de elite, Domínguez avogou por "unificar criterios entre todos" para utilizar en beneficio do conxunto os recursos económicos dos clubes, dos patrocinadores e das administracións, ao tempo que estas "axudan" a "controlar onde van parar e en que se están investindo".

En relación a este punto, o tenente de alcalde mostrou a súa "aposta" pola Fundación VIDE e a "vixencia absoluta" da súa función. Así, Santi Domínguez explicou que "a partir de marzo" se iniciarán conversas "con todos os clubes" para que lle presenten ao Concello os seus orzamentos, que "con asesoramento de VIDE" serán analizados "para racionalizar o gasto". Ademais, Domínguez salientou o papel da Fundación como elemento "fundamental para a captación de recursos privados".

Pola súa parte, Xabier Alonso afirmou que "o deporte en Vigo goza de moi boa saúde" e defendeu a idea dun proxecto deportivo "global" para a cidade, no que "temos que comprometernos todos: directivas, patrocinadores e administracións".
Descargar todas as imaxes