Escoitar

Abel Caballero presenta os proxectos dos aparcadoiros do Areal, Policarpo Sanz e Pintor Colmeiro

O alcalde, Abel Caballero, presentou este venres os proxectos construtivos dos aparcadoiros soterrados do Areal, Policarpo Sanz e Pintor Colmeiro, que en conxunto ofrecerán 1.500 novas prazas de aparcamento. Os de Policarpo Sanz e Pintor Colmeiro comezarán a executarse a finais de marzo.

venres, 22 feb 2008
1203689490aparcadoiros220208.jpg
O aparcadoiro do Areal conta cun prazo construtivo de 22 meses e terá 545 prazas, das que un 20% estará reservado a residentes. O prezo da praza en cesión permanente será de 27.000 euros. O de Policarpo Sanz construirase en 30 meses e disporá de 570 prazas, das que o 20% será para residentes. Cada praza en cesión permanente custará 33.000 euros neste aparcadoiro. Finalmente, o de Pintor Colmeiro será construído en 16 meses e ofrecerá o 20% das súas prazas, 394 en total, aos residentes. A praza neste aparcadoiro suporá un desembolso de 18.000 euros.

Paralelamente á construción destes aparcadoiros, a superficie dos ámbitos nos que estarán situados será humanizada seguindo o principio dunha "calidade extraordinaria nos materiais", segundo asegurou Abel Caballero. O alcalde engadiu que unha vez finalizadas as obras "será un pracer pasear" por estas zonas.

Neste sentido, e como avanzou o xoves na presentación dos proxectos dos aparcadoiros soterrados de Rosalía de Castro, avenida de Castelao e Jenaro de la Fuente, Caballero sinalou que "imos ter dous anos malos de circulación na cidade", nos que "a fluidez do tráfico non vai ser a habitual".

Con todo, o alcalde afirmou que as molestias pagarán a pena, porque os seis novos aparcadoiros "van significar unha mellora tan extraordinaria para o tráfico en Vigo que vai haber un antes e un despois" da súa construción. Abel Caballero lembrou que os seis novos aparcadoiros soterrados suporán 3.000 prazas de aparcamento "en zonas moi localizadas e de gran necesidade".

Máis información sobre os novos aparcadoiros soterrados do Areal, Policarpo Sanz e Pintor Colmeiro en www.eloymarytranvias.com.
Descargar todas as imaxes