Escoitar

Vinte artistas explorarán a súa relación coa natureza en "Paraísos Indómitos"

"Paraísos Indómitos", unha coprodución do MARCO e o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, abordará a partir deste venres no museo vigués a relación do ser humano coa natureza. Vinte artistas de diversas procedencias explorarán nesta exposición a súa relación coa terra na que habitan, operando con diferentes puntos de vista, dende a visión romántica ao testemuño documental, dende unha concepción utópica ao activismo en defensa do medio natural.

venres, 7 mar 2008
1204896409heathereivanmorison.jpg
Heather e Ivan Morison
Tomando a natureza como obxecto de observación e contemplación, como testemuño, ou como vehículo de denuncia, as obras desta exposición son resultado da evolución no xénero da paisaxe, de séculos nos que o ser humano veu analizando os vínculos esquizofrénicos que mantén co seu ámbito, e nos que a iconografía da paisaxe pasou pola "beleza" no Renacemento, o pintoresquismo no Barroco, ou a idea do sublime no Romanticismo.

Como xénero, a paisaxe está sobreexplotada. Como tema, o quecemento global é utilizado como moeda de propaganda política e económica de plena actualidade. Cústanos interpretar a natureza como lugar de contemplación, pois a iso se une, inevitablemente, unha actitude concienciada. "Paraísos Indómitos" reúne varias reinterpretacións de artistas contemporáneos sobre as convencións clásicas da natureza, demostrando a posibilidade de múltiples lecturas dun tema que hoxe se diversificou enormemente, partindo da busca da natureza virxe, ata chegar á reivindicación ecolóxica do século XXI.

E en todo iso xoga un papel fundamental a visión de lugares inexplorados, que foron obxecto de investigación e fascinación. Esta exposición retoma a dicotomía home-natureza, para analizar a pegada do ser humano no seu ámbito e o constante desafío que existiu sempre entre ambos os dous. O artista asume o papel dos últimos exploradores "románticos", daqueles que, co seu empeño, nos abrían os ollos ante un mundo descoñecido.

Na actualidade, a idea de paraíso foise transformando, adoptando un significado máis próximo a un lugar cercado, unha reserva, unha trincheira. O paraíso indómito, ademais, leva consigo un halo de secretismo, entendéndose como un privilexio accesible a poucos, aqueles conquistadores reconvertidos en exploradores, defensores dun oficio que evolucionou paralelamente á sociedade. As exploracións do século XX responden a unha conciencia política e vinculada ao desenvolvemento da técnica, máis afastada do sentimento dos artistas, cuxas accións non alteran os mapas xeográficos, pero documentan a "realidade" condensándoa nas súas obras. O artista elabora un rexistro de lugares afastados, illados, un exame ao que se asocia certa intención crítica; unhas veces utópica, outras nostálxica.

A montaxe e disposición das obras en salas segue un fío condutor que se estrutura en torno a catro apartados, en función das distintas aproximacións dos artistas ao eixe temático da exposición: a forza da natureza ou os espazos que se resisten á acción do ser humano, como lugares irredutibles a calquera intento de domesticación —na que se incluirían as obras de Guido van der Werve, Mireya Masó, Thiago Rocha Pitta, Thomas Joshua Cooper e Eric Rosoman—; a viaxe utópica cara a lugares inexplorados, que acaba por converterse nunha busca interior —Marine Hugonnier, Nir Evron, Eva Koch, Sergio Belinchón, Alberto Baraya—; o home e a Terra: colaboración científica, ou a busca de relacións entre artistas, científicos e natureza, para unha mellora no uso e transformación dos espazos naturais —Guillem Bayo, Marjetica Potrč, Peter Coffin, Gonzalo Puch, Heather & Ivan Morison—; e por último, os paraísos danados, ou a evidencia da ruptura do equilibrio na relación entre o ser humano e a natureza —Caio Reisewitz, André Cepeda, Roberto Bellini, Rodney Graham, e Cyprien Gaillard.

"Paraísos Indómitos" permanecerá na sala de exposicións do primeiro andar do MARCO ata o 18 de maio, nos seguintes horarios: de martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00 horas, e os domingos, de 11.00 a 15.00 horas.
1204896409heathereivanmorison.jpg
1204896431albertobaraya.jpg
1204896487mireyamaso.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información