Escoitar

Artistas escénicos buscarán novas fronteiras creativas na illa de San Simón

Artistas ligados na súa maior parte ás artes escénicas participarán durante a primeira quincena de setembro na illa de San Simón no segundo Laboratorio Itinerante Escénico (LIE), un espazo de encontro para intercambiar coñecementos e ampliar as marxes da comunicación creativa.

xoves, 6 mar 2008
1204809960liesansimon060308.jpg
Tres anos despois da súa primeira edición, celebrada en Logroño en 2005, o LIE escolle como sede a illa de San Simón no marco ofrecido polo Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo ALT.o8, para que os artistas poidan reflexionar sen interferencias exteriores. O carácter contraditorio da illa é outro dos motivos da súa elección. Falar de memoria e liberdade "é falar dunha boa parte da historia da illa", lembrou este xoves Xavier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, na presentación desta iniciativa. Ademais, os artistas elixiron este emprazamento pola súa situación xeográfica no sur de Galicia, o que a converte nun lugar ideal para compartiren experiencias cos investigadores galegos e portugueses que queiran sumarse ao encontro.

En principio serán sete os creadores que participen na segunda edición do LIE coas súas propostas. Son Xela Marx ("Investigacións enerxéticas"), Rosa Casado (co proxecto de performance "O ser humano perfecto"), Óscar G. Villegas (co obradoiro "Musicalidade para actores, autores e directores"), Luciana Pereyra ("Silencio e voz, memoria e estrutura"), María Eugenia de Castilla ("A creación pre-expresiva ou como ser máis libres"), Adrian Marx ("O dilema da irrupción dos medios de comunicación nos procesos creativos") e Ángel Simón ("A voz das imaxes ocultas na memoria, un soño colectivo: o principio da escrita"). Todos eles, excepto o fotógrafo Adrian Marx, son artistas escénicos cunha "ampla traxectoria profesional", segundo afirmou a propia Rosa Casado, quen engadiu que o encontro está aberto a proxectos doutros creadores.

A organización decidiu preservar polo de agora a información sobre os contidos, desenvolvementos concretos dos traballos e conclusións do Laboratorio. O que xa se sabe é que cada guía desenvolverá a súa investigación dirixindo a súa proposta coa colaboración do conxunto dos participantes. As sesións, salvo indicación expresa do guía, incluirán anotacións de cada participante, no soporte e formato que estes consideren útiles para o seu labor, así como valoracións de momentos particulares e comúns, puntos de inflexión, análises do proceso e confrontacións debatidas rexidas polos canalizadores das propostas.

O concelleiro de Cultura vigués, Xesus López, presentou este xoves o Laboratorio Itinerante Escénico como unha continuación do ALT.o8, "a mellor edición que houbo ata agora", segundo asegurou. López salientou a importancia do LIE para "seguir profundizando na comunicación creativa", algo que tamén resaltou a delegada provincial da Consellería de Cultura, María Xesús López, quen xulgou acertada a elección dun "lugar emblemático" como a illa de San Simón para continuar promocionando a "cultura non comercial" como "berro á liberdade de expresión".

O ALT.o8 ofrece estes días as súas últimas actuacións. Este xoves, a partir das 21.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a representación da obra teatral "Un momento dulce, la felicidad", a cargo da compañía madrileña El Zurdo Teatro. O venres, ás 20.00 horas, será a vez da danza-performance con "Dueto", da vasca Idoia Zabaleta e da portuguesa Filipa Francisco, na Casa Arines. O mesmo día, ás 21.30 comezará no Auditorio Municipal a actuación de teatro visual-performance "Mil tristes tigres", a cargo de Sr. Serrano, de Cataluña. O sábado 8 o festival finalizará o seu programa de actuacións cunha xornada intensiva. Ás 12.30 horas, na Casa Galega da Cultura, terá lugar unha mesa redonda seguida da proxección dunha obra de Abraham Hurtado. Ás 17.30, Filipa Francisco volverá á Casa Arines coa performance "Leitura de listas". O MARCO acollerá a partir das 20.30 o espectáculo de danza-teatro "matres mature", da alemá Anna Redi e a catalá Vero Cendoya. Finalmente, a partir das 22.00 horas representarase no Auditorio Municipal a traxicomedia "sinestésica musical" "Lasdossaras", a cargo da compañía andaluza Laboa Teatro.
Descargar todas as imaxes