Escoitar

A Concellería de Deportes organiza unha carreira popular en Castrelos para celebrar o Día Internacional da Muller

O vindeiro sábado 8 de marzo, a partir das 11.30 horas, terá lugar no parque de Castrelos unha carreira popular para celebrar o Día Internacional da Muller. Antes do inicio da proba entregarase a todos os que participen nela unha camiseta conmemorativa, e tras a súa finalización, as diferentes autoridades darán por rematado o acto con diferentes discursos institucionais.

mércores, 5 mar 2008
1204723763carreiramuller050308.jpg
Segundo explicou este mércores o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, a carreira non ten carácter competitivo e está "aberta a homes e especialmente a mulleres". "Trátase de gozar correndo", sinalou. A proba consistirá en dar tres voltas a un circuíto de 1.200 metros que discorrerá polo interior do parque de Castrelos. Os que desexen participar non terán que inscribirse previamente, pero si será "conveniente", como dixo Xabier Alonso, que se presenten arredor das 11.00 horas se queren recoller a camiseta conmemorativa coa que poderán participar na carreira. Non se repartirán dorsais.

Aínda que a distancia total de 3.600 metros poida parecer demasiado longa para algúns, a corredora María Abruñedo pediulles aos que pensen en participar "que non se asusten, porque é unha carreira popular". Abruñedo, que coordina o programa "Corre con Vigo", co que se anima os cidadáns a practicar este deporte os luns, mércores e venres en Castrelos, salientou os beneficios do atletismo para quen o practica para facer un chamamento á participación na carreira do sábado.

Na mesma liña, Xulia Vaquero, atleta que aínda ostenta o récord de España de 5.000 metros, animou as nais a acudir á carreira cos seus fillos para que o sábado sexa "un día no que descubran o que supón a práctica da actividade física" para o seu benestar físico e mental.

Pola súa parte, Soledad Castro, campioa do mundo en varias distancias, mostrou o seu desexo de que a carreira se convirta nunha "reivindicación do que pode ofrecer a muller hoxe en día". A meta, afirmou Soledad Castro, ten que ser a mesma no nivel simbólico da proba deportiva como a nivel social: a igualdade.

A carreira do Día Internacional da Muller está organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Concellería de Igualdade, e conta co apoio de Caixanova e Coca-Cola. Voluntarios da Fundación VIDE e do Clube Atletismo de Vigo prestarán a súa axuda para que o evento transcorra con total normalidade.
Descargar todas as imaxes