Escoitar

Vigo presenta en Madrid a súa candidatura á Universiada 2013 cun proxecto deportivo sen fisuras e con gran respaldo social

A sorte quixo que Vigo fora a segunda en presentar o seu proxecto de candidatura na sede do Consejo Superior de Deportes (CSD) na mañá deste martes en Madrid. O director xeral de Deportes do CSD, Manuel Fonseca, foi o encargado de dar a benvida ás dúas cidades aspirantes e destacou a importancia do momento porque supón que existe un gran "interese polo deporte".

martes, 4 mar 2008
1204640836universiada040308.JPG
Para a realización do sorteo empregáronse dúas pelotas de tenis de mesa cos nomes de Vigo e Murcia, e foi a man de Fonseca a que decidiu a orde de intervencións. A exposición da cidade olívica comezou ás 12.30 horas cun vídeo promocional de Vigo, o "Corazón de Dragón", escrito polo vigués Francisco Castro, que deu paso ao bloque de intervencións institucionais.

O primeiro en tomar a palabra foi o impulsor da candidatura, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, quen agradeceu a oportunidade de poder loitar por este proxecto e felicitou de novo a cidade de Murcia por apostar polo deporte como fixo Vigo. O tenente de alcalde dixo que a cidade tiña moitas razóns para se converter na sede oficial pero que o apoio cidadán é, sen dúbida, o que máis peso ten, porque "así o queremos todos, sen fisuras".

De feito, a candidatura galega chegou a Madrid co respaldo de 120 empresas, clubs e institucións deportivas, ademais de todos os apoios das administracións públicas. Domínguez afirmou que a cidade "quere esta Universiada", non pola promoción, senón porque marcará un antes e un despois no deporte galego.

O reitor da Universidade, Alberto Gago, quixo falar en nome dos tres responsables das universidades galegas, salientando o funcionamento e a fortaleza do Sistema Universitario Galego, e fixo fincapé na repercusión que tería o evento nos cinco continentes e a proxección da cidade e da institución viguesa.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que os vigueses están a vivir con "ilusión e compromiso social" a candidatura á Universiada. "En Vigo sabemos competir e desenvolvernos no mundo", dixo Caballero, quen salientou que toda Galicia está "contaxiada" co proxecto vigués.

Precisamente foi un vídeo do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o encargado de pechar este bloque. O presidente amosou o apoio "firme e incondicional" do Goberno galego ante este importante evento, e dixo non ter ningunha dúbida de que o 11 de marzo Vigo será a cidade elixida porque "soña con este futuro". Touriño afirmou, ademais, que o Goberno galego non vai escatimar esforzos para conseguir a candidatura oficial.

O seguinte grupo de intervencións correspondeu á parte técnica e de explicación do propio traballo de Candidatura, que estivo a cargo do director do proxecto, Roberto Álvarez; o experto en medios de comunicación, Pedro Palacios; o arquitecto, Santiago González; o técnico do Concello de Vigo, José Ángel Otero; e o responsable de Deportes da Universidade de Vigo, Xavier Rial. O equipo de traballo desprazado ata Madrid estivo tamén formado pola vicerreitora de Extensión Cultural, María do Carme Cabeza, e o concelleiro de Deportes, Xavier Alonso.

Logo do bloque técnico, proxectouse un vídeo de apoio cidadán cunha nena como primeira protagonista e aspirante a ser voluntaria da Universiada de Verán en 2013. A seguinte intervención foi a dunha estudante universitaria non galega que destacou as potencialidades da institución viguesa. O apoio deportivo estudantil veu da man de Miguel Romero, alumno da Universidade de Vigo e participante da última Universiada, celebrada en Bangkok, na modalidade de Judo.

O vídeo contou tamén coa participación de Franco Cobas, ex deportista olímpico e xuíz na modalidade de remo dunha Universiada. Finalmente, o apoio e respaldo empresarial estivo representado polas verbas do director xeral de Caixanova, José Luis Pego. Antes de comezar coa rolda de preguntas por parte da comisión do CSD, Abel Caballero pechou a intervención viguesa afirmando que "estamos preparados" e que "queremos deixar o país en bo lugar e renovar o espírito de Barcelona 92".

Ao remate da presentación, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, dixo saír con "boas sensacións", e deixou claro que "Vigo demostrou todas as súas capacidades para acoller este evento" e que, co paso dado este martes, "a cidade está moito máis cerca de ser a representante española".
Descargar todas as imaxes