Escoitar

O Goberno local incrementa en 100.000 euros o contrato do servizo de Montes, Parques e Xardíns

O prezo do contrato do servizo de conservación e reposicións de parques e xardíns do Concello foi modificado este luns polo Goberno local, que decidiu aumentar en algo máis de 100.000 euros a cantidade que percibirá Cespa como empresa adxudicataria. Deste xeito, o prezo do contrato pasa a ser de 4.388.000 euros.

luns, 3 mar 2008
1204555085xunta030308.jpg
Esta revisión extraordinaria do prezo do contrato débese á incorporación de novas rotondas como as de Navia e Barreiro e a cambios das superficies axardindas como resultado de aumentos e diminucións, así como á existencia de novas plantacións.

A modificación suporá, ademais, un incremento dos medios humanos cos que conta a empresa adxudicataria. Así, prevese que Cespa pase a ter un 4,17% máis de postos de traballo para a prestación do servizo de Montes, Parques e Xardíns.

Por outra parte, a Xunta de Goberno adxudicou a Obras y Construcciones Dios os proxectos de mellora do abastecemento na rúa Areal, por un importe de 189.000 euros, e de reposición de abastecemento no camiño Seara, por 105.000 euros. Tamén quedou adxudicada a execución do proxecto de saneamento do camiño de Xorxa, por un importe de 69.000 euros. A empresa encargada da realización desta obra é Deseño, Asesoramento, Xestión e Construción.

Listas de reserva

Na apartado de Persoal, a Xunta de Goberno aprobou as normas que regularán o funcionamento das listas de reserva derivadas da execución das ofertas de emprego público do Concello. Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, o obxecto destas normas é garantir un sistema de acceso "baseado exclusivamente en méritos" para así "rematar coa discrecionalidade".

Deste modo, as persoas que teñan superado todos os proceso selectivos celebrados sen dereito a obter praza formarán parte dunha lista de reserva ordenada en función da punuación conseguida, aos efectos de poderen ser nomeadas como persoal interino.

As listas de reserva estarán formadas polas persoas que superaron todos os exercicios se dereito a obter praza ao final dos procesos selectivos da Oferta de Emprego Público de 2005 e futuras ofertas de emprego. As normas aprobadas este luns polo Goberno local tamén rexerán as listas resultantes de anteriores ofertas en canto a aquelas prazas das que non se ofertasen outras iguais na oferta de 2005.
Descargar todas as imaxes